A UDC impartirá o vindeiro curso mestrados en información cuántica e patrimonio cultural dixital

luns, 17 de xullo do 2023 S. P.

A Universidade da Coruña impartirá a partir de setembro catro novas titulacións oficiais de mestrado (máster). Trátase dos mestrados universitarios en Xestión Sustentábel da Auga; Ciencia e Tecnoloxía da Información Cuántica; Patrimonio Cultural Dixital, e Fabricación Aditiva, que veñen sumarse a “unha ampla e variada oferta que supón un total de noventa e dous títulos, repartidos entre os dous campus universitarios”, segundo informou a UDC.
Na Coruña, a Facultade de Informática acollerá o Máster Universitario en Ciencia e Tecnoloxía da Información Cuántica e o Máster Universitario en Patrimonio Cultural Dixital, con oito e 12 prazas respectivamente; mentres que o Máster Universitario en Xestión Sustentábel da Auga, con 10 prazas, será impartido na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos. Pola súa banda, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol será a sede do Máster Universitario en Fabricación Aditiva, que oferta 10 prazas.
Con estes catro novos títulos, a UDC supera as mil seiscentas prazas postas a disposición do alumnado que busca engadir aos seus estudos de grao unha formación avanzada, dirixida á especialización académica ou profesional. En concreto, 1.636 prazas que recibiron xa un total de 2.500 solicitudes no primeiro prazo ordinario de preinscrición, o que inclúe as solicitudes do alumnado con títulos universitarios de sistemas educativos do Espazo Europeo de Educación Superior ou homologados ou declarados equivalentes.
O Máster Universitario en Xestión Sustentábel da Auga está dirixido principalmente a profesionais do eido da xestión da auga e a titulados/as da rama de enxeñaría e de ciencias que queiran desenvolverse laboralmente neste campo.
No Máster Universitario en Ciencia e Tecnoloxía da Información Cuántica o perfil de ingreso recomendado é o de titulados universitarios no eido das ciencias (principalmente Física pero tamén Química, Matemáticas, Nanociencia e Nanotecnoloxía e outras titulacións relacionadas) e da enxeñaría (principalmente Enxeñaría Informática e Enxeñaría de Telecomunicacións, pero tamén Enxeñaría Industrial, Enxeñaría Aeroespacial, Enxeñaría Física e outras titulacións relacionadas), Nun sentido máis concreto, son precisos coñecementos no eido das Matemáticas (álxebra lineal, análise, probabilidade) e aconsellables en programación básica.
O Máster Universitario en Patrimonio Cultural Dixital terá prioridade de acceso para graduados das áreas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Experimentais, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura, incluídos aqueles con títulos con denominacións equivalentes ou alternativas ás que compoñen estas áreas. Tamén poderán ser admitidos estudantes procedentes doutros títulos universitarios sempre e cando o perfil do seu currículum acredite os coñecementos mínimos para cursar os estudos do mestrado.
No Máster Universitario en Fabricación Aditiva as persoas que queiran ser admitidas deberán estar preferentemente en posesión dun grao do eido industrial (graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática, en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Eléctrica, en Enxeñaría de Química Industrial, en Enxeñaría da Organización Industrial, de Enxeñaría en Deseño Industrial e desenvolvemento de produto, en Enxeñaría Biomédica e en Enxeñaría de Minas e Enerxía.
A relación dos mestrados da UDC figura pormenorizada na web da UDC.

PUBLICIDADE