A UDC suma forzas coa Deputación e o Concello da Coruña a prol do futuro centro TIC da Administración Local

venres, 10 de decembro do 2021 S. P.

A Universidade da Coruña vén de sumar forzas coa Deputación e o Concello para impulsar a creación na cidade dun centro nacional de referencia no ámbito das Tecnoloxías de Información e das Comunicacións (TIC) destinado a impulsar a transformación dixital da administración local. A adhesión da UDC a esta iniciativa formalizouse a pasada semana, coa sinatura dun acordo no que participaron o presidente da entidade provincial, Valentín González, e o reitor Julio Albalde.
Segundo confirmou o presidente, o proxecto será presentado pola Deputación e o Concello á convocatoria de fondos Next Generation da Unión Europea para o obtención de financiamento. Tamén valorou moi positivamente, de cara á plena consecución dos obxectivos do proxecto, a incorporación da UDC. Asemade, fixo saber que unha das liñas de traballo para a creación desta nova infraestrutura é avaliar a súa posible integración na Cidade das TIC da Coruña.
Pola súa parte, o reitor Julio Abalde, sinalou que a dixitalización do sector empresarial e industrial é imprescindíbel, “como se evidenciou coa pandemia”, e que a UDC “conta co coñecemento necesario para axudar a que se faga posible esta transformación dixital”.
O futuro centro de innovación e servizos dixitais orientado á transformación dixital da Administración Local pretende ser “un centro nacional de referencia especializado na transformación e a modernización das institucións locais a nivel estatal e autonómico, aínda que cun foco moi particular no ámbito local da provincia da Coruña”, sinalaron, poñendo o foco nas importantes posibilidades de xeración e atracción de coñecemento e talento que porá en xogo a consolidación definitiva da Cidade das TIC, o macroproxecto de transformación da antiga Fábrica de Armas da Coruña. Grazas a ela, dixeron, “promoverase a apertura do centro á incorporación das administracións públicas de ámbito local, autonómico e estatal potencialmente interesadas, de tal xeito que poidan aproveitarse ao máximo as sinerxías entre ambas iniciativas”.
Estes serán algúns dos principais eidos de actividade do centro: modernización das administracións; mellora da eficiencia, a axilidade e a calidade nos servizos dixitais das entidades; interoperabilidade provincial; ciberseguridade no ámbito da Administración Local e na súa relación coa cidadanía; definición e seguimento da estratexia TIC da Administración Local; cooperación, coordinación e impulso do goberno aberto; e, tamén, inclusión dixital da cidadanía, as PEME e os autónomos.
Procurarse tamén a integración do centro de innovación e servizos dixitais orientado á transformación dixital da Administración Local na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación, así como a súa coordinación cos centros de coworking xa existentes, tanto no Concello da Coruña como no resto da provincia.
Este convenio enmárcase na senda da Estratexia Dixital da Deputación da Coruña, a cal pretende mellorar a calidade de vida da cidadanía a través dos servizos electrónicos, ao tempo que procura “propiciar tanto a inclusión da sociedade neste eido mediante a súa capacitación, como impulsar a transformación dixital dos propios concellos”.

PUBLICIDADE