A UDC xunta forzas coa campaña da CRTVG #CorazónDeInvestigadora

mércores, 14 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A investigadora da UDC Lucía Santiago

A campaña #CorazónDeInvestigadora impulsada pola CRTVG para alentar as vocacións tecnolóxicas e científicas nas nenas, ten un novo e importante apoio: o da Universidade da Coruña, que confirmou hoxe a súa adhesión á iniciativa, por considerar o seu labor de gran relevancia, non só promovendo vocacións STEM nas rapazas, senón tamén por mostrar os perfís e os percorridos de mulleres galegas referentes nestes eidos que rompen barreiras e fan esmorecer estereotipos e prexuízos. A campaña, que se lanza con motivo da Semana da Ciencia e a Paz da ONU conta xa co respaldo das tres universidades galegas.
A pedra de toque da iniciativa é un anuncio troncal para as televisións onde unha ducia de investigadoras galegas son as protagonistas. Nas redes esas investigadoras contarán a súa historia a través de pequenos vídeos que rematan lanzándolle un reto inspirador ás nenas: “E ti, que queres ser?”. Por parte da UDC participan Luz Paz Agras, doutora arquitecta e máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC, amais de membro do grupo de think tank Cadelasverdes e do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio (CIGAP); Marga Novales, doutora enxeñeira en Camiños, Canais e Portos, amais de investigadora de longo percorrido en sistemas ferroviarios de transporte metropolitano, metro lixeiro e mobilidade sustentábel; Susana Ladra, doutora enxeñeira en Informática, amais de coordinadora do Campus Innova da UDC e experta en algoritmos para optimizar as procuras de datos en Internet; e Lucía Santiago, enxeñeira Naval e Oceánica e doutoranda na UDC, a maiores de membro do Grupo Integrado de Enxeñaría e colaboradora de múltiples proxectos de I+D ligados co sector naval, sendo as súas especializades o estudo do comportamento dos buques ou o seguimento da súa estabilidade en tempo real.
Os vídeos poden verse na ligazón http://ww2.crtvg.es/rsc/ciencia/.


PUBLICIDADE