A UNED aposta polo software libre para o desenvolvemento do e-Learning

martes, 26 de abril do 2011 Raquel Noya

A Universidade Nacional de Educación a Distancia, entidade que polas súas características ten que valerse das novas tecnoloxías para facer o máis eficaz posible a súa metodoloxía de ensino, vén de asinar un convenio de colaboración coa empresa OpenSistemas, compañía internacional especializada en solucións integrais baseadas en Open source e Linux, para mellorar os seus resultados.
Con este convenio, establécense as liñas de colaboración entre ámbalas dúas institucións, para a programación e realización de cursos a distancia dentro dos programas de Formación Permanente da entidade académica.
O designado por OpenSistemas para asinar o documento de colaboración, Luis Flores, CEO da compañía, afirmou durante a súa presentación que “as institución seguen a apostar cada vez máis por ferramentas libres e con maior énfase no nicho da formación a distancia, ben pola súa versatilidade, ben polas comunidades que rodean a estas plataformas, que as fan medrar e fomentarse moito máis que as aplicacións privativas”.
Xa que logo, esta entidade aposta polo software libre, entre outras cousas, para gañar en integrabilidade, en fiabilidade e en capacidade de personalización; ao tempo que aforra en tempo e custes de licenzas.

PUBLICIDADE