A USC achega os seus primeiros libros electrónicos

luns, 4 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Se cadra non tan universalmente como se anunciou nun principio (aínda nos segue a gustar o papel, que se lle vai facer), os libros electrónicos van paseniño gañando terreo. Entre os pasos máis recentes dados neste senso cómpre salientar os da Universidade de Santiago, que vén de anunciar da adaptación a estes formatos de 25 novidades editoriais lanzadas dende o seu Servizo de Publicacións no curso escolar que deixamos atrás. Xa podemos velos na plataforma todoebook.com, xestionada pola empresa Publidisa.
Con todo, a iniciativa non está pechada. Segundo informa a USC, o número de obras que se poden descargar e ler nestas feituras dixitais irase incrementando con cada nova obra do dito Servizo. Para a institución educativa compostelá, a entrada neste eido editorial supón un antes e un despois, “xa que son moi contados en España os entes educativos que están a tirar proveito do potencial das novas tecnoloxías neste sector”.
A este subministro de e-books que vén da man da USC, cómpre engadir a participación da Universidade na feira do libro español que se celebrou a semana pasada en Barcelona e que serviu entre entre outras cousas para presentar unebook.es, plataforma estatal para a venda de libros electrónicos que conta co apoio directo da institución galega. Ao acto asistiu o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés.

PUBLICIDADE