A USC achega unha app interactiva que anticipa a posíbel evolución do COVID-19

martes, 7 de abril do 2020 S. P.

A nosa comunidade investigadora é estes días un fervedoiro de traballo para loitar dende moi diferentes frontes contra un inimigo común: o COVID-19. Dende a Universidade de Santiago chegounos estes días información sobre unha ferramenta que ten potencial para mellorar o noso coñecemento sobre o inimigo, o coronavirus, e predicir o seu comportamento na poboación, unha información clave para mitigar as súas consecuencias e mesmo pórlle freo. Trátase dunha app interactiva desenvolvida por investigadores do grupo MODESTYA da USC. Salienta pola súa capacidade para prognosticar o avance do virus baseándose nos datos da súa evolución durante a quincena previa.
Amais, fai predicións para un horizonte temporal de tres días conforme a tres posíbeis modelos de comportamento.
Segundo informa o equipo desenvolvedor, o modelo de predición resultante serve para coñecer a situación de España, pero tamén do resto de países ou rexións do mundo, amais das Comunidades Autónomas estatais. A base de datos empregada para alimentar esta ferramenta usa os casos diarios confirmados e falecidos por rexión, extraídos da evolución da pandemia en todo o mundo.
A aplicación presenta tres parámetros con distintas posibilidades a escoller. No primeiro deles, o parámetro Model, o usuario decide entre tres opcións de modelos axustados: un lineal (FLM), outro aditivo (FSAM) e outro non paramétrico (FNP).
O segundo parámetro, Variable, serve para determinar se a predición vai ser dos casos confirmados con COVID-19 ou falecidos por esta enfermidade. En ambos casos, a predición será para un horizonte de tres días.
Para rematar, Country/Region permite seleccionar o país do que se fará a predición, baseándose nos datos rexistrados nesa área.
Con toda esta información, a aplicación web proporciona tres gráficas, aloxadas en tres pestanas. A primeira, Cumulative cases mostra a evolución dos casos acumulados confirmados ou falecidos nos últimos quince días, e a predición para os seguintes tres. A segunda, Growth rate, expón a evolución do ratio de medre da variábel nas dúas semanas previas, e a predición para os próximos tres días.
Para rematar, Daily cases achega os casos diarios da enfermidade e predí a evolución nos seguintes tres días. Ademais, unha cuarta pestana, About, recolle datos do estudo realizado.
Manuel Febrero e Wenceslao González, catedráticos de Estatística, Análise Matemático e Optimización, e Manuel Oviedo, investigador da USC, son os membros do grupo MODESTYA que levan traballando nesta aplicación desde o principio da pandemia.

PUBLICIDADE