A USC acolle un curso sobre o potencial da informática nas ciencias da vida

xoves, 17 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

A informática reconstrúe realidades. Anticípaas ou recréaas. Tendo en conta isto, o seu potencial para avaliar e simular a vida e máis concretamente os sistemas biolóxicos será abondo grande. Este é precisamente o alicerce da disciplina coñecida como bioinformática, unha póla das Ciencias da Computación que é o eixe arredor do que xira o curso de verán da Universidade de Santiago que se está a celebrar estes días na Facultade de Matemáticas.
A iniciativa, que inclúe 30 horas lectivas, vai especialmente dirixida a abrir novos vieiros na nosa terra para os estudos xenéticos e para a creación de fármacos. O curso, dirixido por Xosé Antonio Álvarez Dios, está cofinanciado pola Facultade de Matemáticas, o Instituto de Matemáticas da universidade e a Rede Galega de Bioinformática.
Nel están a participar xa mestres e investigadores da USC, tanto na parte máis teórica coma na práctica, representada neste caso por catro obradoiros: de análises de datos de microarrays, de estudos de asociación xene candidato, de introdución ao deseño de fármacos e de ferramentas de clasificación.

PUBLICIDADE