A USC dá un paso de xigante na edición dixital de coñecemento

luns, 13 de xuño do 2022 S. P.

Alumna navegando polo Portal Dixital de Revistas. FOTO: Santi Alvite

A Universidade de Santiago vén de consolidar o seu lugar de referencia en materia informativa e divulgativa. Fíxoo a través do seu Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, que optimizou a experiencia das persoas usuarias do seu Portal Dixital de Revistas cunha nova versión mellorada do formato de saída .HTML.
Esta versión incorpora melloras na lexibilidade e usabilidade a través “dun texto máis amplo e estético, de cómodas ferramentas de navegación despregando o sumario do artigo e de notas no pé en formato de pop-ups interactivos, entre outras novidades”, explicaron fontes da USC, engadindo que coa materialización da edición HTML das revistas “o Portal Dixital de Revistas coloca a USC na vangarda da edición dixital de publicacións periódicas no panorama da edición universitaria española”. Segundo engadiu o responsábel do Servizo de Publicacións, Juan Blanco, é previsíbel que a dita implementación se complete no transcurso deste ano 2022.
Blanco apuntou que “fronte ao formato convencional PDF, dispoñíbel tamén en cada artigo e común para todas as revistas, o soporte HTML representa a interface de lectura dixital máis avanzada, fluída e apta para todo tipo de dispositivos, como evidencia a transformación dixital que nos últimos anos veñen experimentando os medios de prensa escritos”.
Tamén apuntou que despois da migración en 2012 ao soporte dixital de todas as revistas científico-académicas da USC, que edita en acceso aberto gratuíto o Servizo de Publicacións, e a consecuente creación do Portal Dixital de Revistas, baixo o software de código aberto Open Journal Systems, “dende 2020 a editorial da Universidade desenvolve un esixente plan de edición dixital. Así, ademais do tratamento de metadatos co estándar internacional XMLJATS para o incremento do alcance, visibilidade, posibilidade de citas e factor de impacto dos artigos, “este plan contempla a publicación dos mesmos en formatos de lectura multisaída PDF e HTML, eido ao que pertence o máis recente avance”, engade.

PUBLICIDADE