A USC e a Deputación de Lugo expuxeron o amplo abano de beneficios das TIC para as persoas maiores

venres, 30 de xuño do 2023 S. P.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC acolleu esta semana as xornadas de transferencia Xerontecnoloxía e Intelixencia Artificial. Aplicacións prácticas ao contexto do ámbito xerontolóxico rural e urbano. A través destes encontros, o Campus de Lugo quixo visualizar as actuais contribucións tecnolóxicas da USC para a mellora da calidade de vida das nosas persoas maiores. Por exemplo as propostas da investigadora da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e profesora do grao en Robótica, Sonia Valladares Rodríguez, que deu conta dalgunhas solucións creadas desde os dous campus composteláns con múltiples aplicacións para a asistencia xerontolóxica.
Valladares aproveitou o relatorio de apertura deste evento, organizado polo profesor da área de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, para dar conta ante os preto de medio centenar de asistentes dunha solución tecnolóxica desenvolvida por ela mesma que consiste nunha sorte de robot capaz de realizar diversas probas analíticas, procesar datos e transmitir información detallada ao profesional médico. Esta aplicación, relatou, “ofrece múltiples utilidades, dado que favorecer a optimización de tempo e de procesos, ao tempo que permite analizar un amplo abano de parámetros diferentes”.
Outra das potenciais achegas tecnolóxicas para o ámbito da asistencia a persoas maiores xerminadas desde o grao en Robótica da USC é unha aplicación proposta nun TFG que conxuga tamén recursos de Intelixencia Artificial e que pode resultar de utilidade para favorecer a estimulación cognitiva e física para persoas afectadas por dano cerebral, sinalou Sonia Valladares.
As achegas tecnolóxicas trasladadas desde o ámbito universitario para mellorar a atención e os coidados das persoas maiores centraron a temática da primeira sesión dun foro que, segundo precisou o profesor Carlos Dosil, pretende tamén poñer en valor e favorecer o o coñecemento das distintas iniciativas postas en marcha ou en proceso de aplicación por parte do tecido empresarial e tamén das distintas administracións.
As xornadas contaron tamén coa intervención de distintos responsábeis da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e do SERGAS, que deron conta de diversas experiencias autonómicas de solucións tecnolóxicas e atención á dependencia. Neste senso, o médico do SERGAS Ismael Said, que coordina a sección de telemedicina da Sociedade Española de Medicina Interna, abordou na súa intervención neste curso algunhas das innovacións tecnolóxicas e dixitais aplicadas na telemedicina.
O xoves interviñeron nas xornadas Sergio Grandón, de Ibernet, cunha exposición sobre as tecnoloxías dos coidados e o desenvolvemento e integracións de solucións dixitais e tecnolóxicas para hospitais e residencias, e o fisioterapeuta Pablo Campo Prieto, abordando diferentes tecnoloxías de rehabilitación xeriátrica. O programa tamén incluíu a lección maxistral Benestar socio-emocional e novas tecnoloxías a cargo do presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, José María Faílde Garrido.
Asemade, contouse coa visión da Deputación de Lugo, a través do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen expuxo o modelo de residencias da institución provincial implantado en colaboración cos concellos. Na súa intervención, Rivera Capón destacou “as infinitas posibilidades que as novas tecnoloxías, a automatización e a intelixencia emocional abren no eido do benestar e dos coidados ós nosos maiores”. Sen embargo, recalcou que na súa aplicación, “é importante non confundir os medios e os fins”. “As novas tecnoloxías permiten albiscar solucións que estarían nas antípodas do que representan os nosos centros de maiores”. Referiuse o deputado á posibilidade de empregar a Intelixencia Artificial e os robots como substitutivos da compañía humana para persoas que viven soas: “Evidentemente, as nosas residencias de maiores parten do principio de paliar a soidade apostando polo contacto humano, non por substituír este cunha aplicación tecnolóxica”. Na actualidade, a Deputación conta con 9 centros de atención de maiores, situados nos concellos de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suedaccion/arna e o recentemente posto en funcionamento en Ribas do Sil.
Salientou que “a institución ten implantado un modelo de xestión dos centros públicos, con atención personalizada, que favorece o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias, e que, ademais, ten un retorno económico importante na zona na que se implantan, pois crean emprego sustentábel no rural e dinamizan a economía local, contribuíndo deste xeito a fixar poboación”.
E engadiu: “Rexeitamos o modelo imperante de grandes residencias de 100 ou máis prazas instaladas nos grandes centros de poboación. Entendemos que esta atención masificada non se corresponde co que precisan os maiores, e obrigalos a cambiar o seu entorno de residencia para recibir atención é un erro”, subliñou Rivera Capón.

PUBLICIDADE