A USC, a UDC e a asociación IndesIA dan un novo pulo á formación en Intelixencia Artificial

mércores, 12 de abril do 2023 S. P.

Sinatura do convenio nunha imaxe de Santi Alvite

As universidades de Santiago (USC) e A Coruña (UDC) e IndesIA, asociación estatal para o impulso da economía do dato e a Intelixencia Artificial na industria, asinaron este luns 10 un acordo de colaboración que busca promover a formación de profesionais en materias ligadas ao Big Data (análise da información a gran escala) e á IA. A través desta alianza, impulsarase a formación do alumnado nestas tecnoloxías disruptivas, e farase a través de cursos, seminarios ou programas formativos, así como mediante a participación das empresas asociadas de IndesIA para a realización e presentación de casos de uso dentro dos programas desenvolvidos ao abeiro do acordo.
Os reitores Antonio López (USC) e Julio Abalde (UDC) e o presidente de IndesIA, Valero Marín Sastrón, formalizaron a alianza no marco dunha xuntanza na que tamén participaron a secretaria xeral, Dulce María García Mella; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; o vicepresidente de IndesIA, Donato Martínez; o tesoureiro, Pablo de la Puente; e a directora xeral da asociación, Nuria Ávalos Villamor.
En relación a este acordo, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, afirmou que “a unión fortalece a nosa capacidade para avanzar e para facelo de forma máis eficiente. Sobre a base da cooperación poderemos coñecer de primeira man as necesidades da industria nun eido que se atopa na actualidade en plena ebulición e desenvolvemento. Ao mesmo tempo, os nosos socios industriais poderán ter tamén unha perspectiva realista e precisa do noso potencial e das nosas particularidades”. Na súa opinión, trátase dunha colaboración de especial transcendencia por fixar unha confluencia que “sen dúbida, terá como beneficiario o noso alumnado e por extensión a sociedade: a existencia de comunicación estreita entre industria e universidades axudará a fornecer as sinerxías necesarias que retroalimenten a razón de ser de cada unha das partes”.
Dende a asociación subliñaron que “impulsar a formación en Big Data e a Intelixencia Artificial mediante a colaboración con centros educativos, é unha das prioridades de IndesIA atendendo a un dobre motivo.

O reitor da UDC formalizando a alianza con IndesIA

Pola súa parte o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, enfatizou a habitual relación da UDC co sector empresarial para ofrecer unha mellor docencia universitaria, necesaria en todos os ámbitos, e máis aínda en temas tan novidosos como os que abarcan a enxeñaría de datos e a intelixencia artificial. Abalde destacou ademais que a UDC como universidade que imparte varios títulos de grao e máster desta área, poderá aportar pola súa parte ás empresas o coñecemento de profesorado e de persoal investigador de prestixio internacional.
No documento, as institucións académicas comprométense a acometer a dirección e execución académica así como o deseño das actividades formativas dentro dos programas da área de Big Data, e a administración dos devanditos programas, a xestión do profesorado e a selección do alumnado, xunto coa posta a disposición da infraestrutura e o equipamento para o desenvolvemento das actividades, entre outros aspectos.
Pola súa parte, a asociación realizará a valoración dos programas da USC para a obtención do Selo IndesIA dos programas en aberto sobre tecnoloxías da análise da información masiva, e achegará persoas relatoras convidadas aos programas, así como casos de uso das empresas asociadas. Tamén brindará asesoramento en materia de plans de estudo, actividades e proxectos de investigación conxunta, creación de Cátedras e Aulas en materia de IA e do dato, prácticas académicas externas, participación en Feiras de Emprego universitarias, en mesas redondas, ou titorización de TFG e TFM, entre outros.

PUBLICIDADE