A USC está a pór en marcha un innovador proxecto de formación a distancia

xoves, 1 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago quere afondar nas vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías para a formación: posibilidade de ensinanza a distancia, meirande liberdade nos horarios, maior dispoñibilidade e, sobre todo, formación dentro da formación. É dicir: quen aprenda a través das canles en liña non só recibe coñecemento das diferentes materias, senón que o recibe das mesmas canles, familiarizándose co seu emprego e compartindo logo o coñecemento. É nesa liña onde se inscribe o seu proxecto de formación a distancia dirixido á comunidade universitaria e baseado na plataforma Training Channel. Nun principio, os contidos que se impartirán estarán directamente vinculados ás novas tecnoloxías, como por exemplo todo o que teña relación coas suites ofimáticas para Linux e Windows.
Segundo informa a USC, estaríamos perante un proxecto pioneiro no estado español: o primeiro no que se fai uso do devandito sistema e que permitiría incrementar as posibilidades de aprendizaxe dos alumnos, ó poderen alternar e complementar as actividades presenciais con aquelas que só requiren ter un computador a man e conexión á Rede, estean os alumnos onde estean.
O proxecto, apunta a USC, benefíciase do feito de integrar dous mundos: por unha banda integra as vantaxes da aprendizaxe a distancia chamada “e-learning asíncrono” (que permite ver e escoitar as clases gravadas con antelación en formato multimedia) e pola outra inclúe participación en liña na propia experiencia formativa.
Trátase por tanto da primeira canle interactiva de formación en directo que emprega aplicacións estándares do mercado, integrando as potencialidades da videoconferencia con avanzados servizos virtuais e ferramentas para compartir ordenadores, escritorios e aplicacións de xeito remoto”, apunta a Universidade.

PUBLICIDADE