A USC organiza o I Fiadeiro de localización de software libre en Galicia

martes, 7 de abril do 2009 Raquel Noya

O software libre mailo galego son dous conceptos que nos últimos tempos se están a facer case que inseparables na nosa Terra. Agora mesmo, falar de software libre en Galicia é prácticamente falar de aplicacións en galego, e isto é algo que non hai cartos no mundo que o paguen pois a unión fai a forza e se hai algo que precise da forza neste intre é a nosa língua, e como non, as aplicacións libres.
Neste marco, e sabedores de que nunca está de máis ligar ambos conceptos para darlle pulo entre a comunidade estudiantil, a Oficina de Software Libre da USC, xunto coa Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC, van organizar o primeiro ETSE Open de SL (Fiadeiro de localización de software libre), para a promoción da lingua galega ligada ao impulso na utilización do software libre na USC, cumprindo así varios obxectivos recollidos tanto no Plan de Normalización Lingüística como no Plan Estratéxico das TIC(PETIC) da Universidade de Santiago de Compostela.
O Fiadeiro de localización de software libre está aberto á participación de toda a comunidade universitaria (estudantes de todas as titulacións, PDI e PAS) e ten como obxectivo xeral: promover a participación da comunidade universitaria no proceso de normalización lingüística e de progresiva adopción do software libre na USC.
Tal e como se recolle na web da Oficina de Software Libre da USC, os obxectivos específicos que se perseguen son os que seguen:
- Fornecer en lingua galega programas informáticos que se utilizan na docencia da ETSE.
- Facilitar o transvasamento cara ao uso de software libre na ETSE.
- Promover a creación dunha comunidade universitaria a prol do SL en galego.
- Promover o uso de dinámicas participativas e multidisciplinares a prol da difusión e utilización conxunta do SL e da lingua galega.
- Ofrecer formación específica á comunidade universitaria sobre localización ao galego de SL.
- Ligar o fomento e uso do galego co uso das novas tecnoloxías.
Asemade, os organizadores do evento veñen de anunciar que o ETSE Open de SL constará de dúas actividades interrelacionadas, unha de acción formativa e outra de acción práctica, que se levarán a cabo ao longo de 6 e 9 horas respectivamente.
Nesta última actividade, os participantes realizarán a tradución ao galego dunha escolma de software libre feita pola ETSE de entre o empregado na docencia, que se desenvolverá nun ambiente lúdico que inclúe música, xantar, petiscos…
Os resultados desta actividade terán seguimento e supervisión por parte da organización, de xeito que os participantes poidan avaliar e mellorar a súa achega efectiva ao produto final así como avaliar e mellorar os seus coñecementos.
O seguimento e supervisión farase a través de titorías virtuais que abranguerán un total de 15 horas.
O programa, que se recolle máis detallado na web da ETSE, é o seguinte:
- Obradoiro formativo de localización: xoves 30 de abril e 7 de maio, de 11-14 h
- Obradoiro de localización: sábado 9 de maio, de 10 a 19 h
Lugar: ambos na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Aula I6, xunto ao Departamento de Electrónica e Computación do Monte da Condesa.

PUBLICIDADE