A USC participa nun proxecto para producir medicamentos con impresión 3D e a pantalla dun smartphone

xoves, 27 de xaneiro do 2022 S. P.

Álvaro Goyanes, co-fundador de FabRx e profesor da USC e da University College of London. Foto: Santi Alvite

A nosa terra comezou o ano certificando a súa importante capacidade en materia de eSaúde, que é, como lembraremos, o frutífero punto de confluencia entre as tecnoloxías intelixentes de vangarda, por unha banda, e a medicina, a atención e os coidados, pola outra. Un exemplo destacado é disto é o que vén de presentar a Universidade de Santiago, que impulsou, xunto co University College of London e a empresa FabRx, un novo método de impresión 3D que utiliza a luz da pantalla dun smartphone para producir medicamentos e mesmo personalizalos. A USC confirma que o potencial desta técnica para ser implementada en hospitais e farmacias (así como no fogar, tamén) é ben alto.
Entre os elementos dos bota man o proxecto atópase unha impresora 3D, concretamente o modelo M3DIMAKER LUX, desenvolvido pola empresa inglesa FabRx en colaboración coa firma coruñesa 3DLimitless. A máquina, que ten a vantaxe de que se pode usar para imprimir coa maioría dos teléfonos actuais, tanto Android como Apple, foi probada a fondo polas devanditas dúas universidades nun estudo colaborativo liderado polo profesor Álvaro Goyanes, co-fundador de FabRx e profesor en ambas as dúas institucións. “O uso destas tecnoloxías innovadoras no eido da saúde, abrirá novas oportunidades e tratamentos que agora mesmo son difíciles de albiscar”, explica o investigador da USC.
Resina de impresión personalizada
Para levar a cabo a impresión, o paciente recibiría unha resina de impresión personalizada, co fármaco ou fármacos requiridos nunha solución fotosensíbel. A solución colocaríase no tanque da impresora, e a aplicación móbil seleccionaría os parámetros para obter o tamaño e forma do medicamento para imprimir de acordo coa prescrición médica. Ao introducir o teléfono no lugar adaptado dentro da impresora, a luz da pantalla do teléfono produciría o medicamento final.
Alejandro Seijo, investigador participante no proxecto, sinala que “este sistema podería axudar a pacientes que necesiten doses distintas ás que normalmente se adoitan vender en farmacias, mesmo se as súas doses cambian regularmente”.
Os investigadores engaden que os imprimidos (medicamentos 3D) “son totalmente personalizábeis en tamaño e forma, o que permite regular a porcentaxe de liberación do fármaco ao torrente sanguíneo”. Tamén poñen o foco noutra das vantaxes desta tecnoloxía: a posibilidade de imprimir varios fármacos á vez, “o que reduciría a cantidade de medicamentos que algúns pacientes, por exemplo, de idade avanzada, adoitan tomar e así reducir a probabilidade de saltarse algunha dose”.
No estudo, elaboráronse con éxito imprimidos de warfarina, anticoagulante oral, en distintas doses, tamaños e formas.
A día de hoxe a investigación está centrada na seguridade das resinas, para que nun futuro se inicien os ensaios en humanos baixo un marco regulamentario que proporcione un uso seguro desta tecnoloxía. Carlos Rial, informático da compañía FabRx que traballa dende Santiago, afirma que “a impresión 3D de medicamentos está a cambiar agora mesmo a fabricación tradicional de medicinas cara a unha produción máis personalizada”. De feito, di, esta tecnoloxía abre as portas á unha futura impresión de medicamentos dende a casa.

PUBLICIDADE