A USC traballa nunha ferramenta tecnolóxica para a xestión dos montes en mancomún

luns, 9 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A Universidade de Santiago de Compostela, a través da Escola Politécnica Superior de Lugo, está a traballar actualmente, no desenvolvemento dunha ferramenta innovadora para a xestión dos montes en mancomún de Galiza co emprego das novas tecnoloxías.
Este sistema, que a entidade académica vén de presentar, permitirá avaliar diferentes opcións de explotación forestal, gandeira, silvicultora, enerxética... para decidir cal delas é a máis axeitada segundo os intereses da comunidade e en función de variables económicas, xeográficas e sociais.
O proxecto está apoiado pola Consellaría de Innovación e Industria e está previsto que remate para o vindeiro ano 2010.
Os datos manexados polo grupo de investigación sobre os montes en mancomún en Galiza dan mostra, segundo afirman, “da súa importancia”, xa que existen 2.880 montes veciñais cunha superficie total de 670.000 hectáreas, o que equivale ao 22,5% do territorio galego.
O obxectivo do proxecto, que propón a unión de novas tecnoloxías, é contribuír á optimización da produción de bens e servizos nestes montes e propiciar a implicación das comunidades propietarias na súa xestión, propoñendo instrumentos de avaliación de modelos de explotación.

Aplicación de novas tecnoloxías
Esta nova ferramenta informática de xestión será, basicamente, un sistema de apoio á decisión: a partir dunha serie de variables e tendo en conta diversos tipos de explotación, os xestores escollerán o modelo segundo os intereses e as peculiaridades de cada monte. O sistema calcula os beneficios, as consecuencias e tamén os riscos de cada modelo de explotación para que os responsables actúen en consecuencia.
Segundo explica Manuel Marey, investigador principal do proxecto e membro do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, aínda que existen outros sistemas para a xestión forestal, en todos eles “prima a compoñente económica”, “e non se teñen en conta as compoñentes sociais e ambientais e factores como o da participación cidadá”. Esta ferramenta de simulación permitirá valorar as devanditas compoñentes económicas, ambientais e paisaxísticas.
O usuario escolle a zona de Galiza na que se atopa o monte e simula os resultados e as consecuencias dunha determinada explotación forestal, gandeira, enerxética, etc. O sistema facilitaralle unha previsión dos beneficios económicos en función dos metros cúbicos de madeira tendo en conta o ritmo de crecemento, a valoración da especie, etc., pero tamén amosará o impacto paisaxístico ou as consecuencias ambientais.
Desta maneira, o xestor do monte poderá simular diferentes opcións e tomar unha decisión. Os posibles modelos proceden da codificación das bases de datos relacionais e da conversión dos estudios científico-técnicos en algoritmos computacionais complexos. Esta parte técnica é complemento do coñecemento económico e científico, de maneira que a resposta conterá unha relación completa dos datos necesarios na toma de decisións sobre o monte, como tarefas, prezos, custos, materiais, beneficios, etc. Incluiranse tamén factores ambientais e condicionantes legais, xa que determinadas restricións repercuten na xestión.
O sistema non soamente será de utilidade para os xestores dos montes, senón tamén para a Administración Pública, encargada de planificar en conxunto os montes galegos en man común. Con esta ferramenta, poderá previsualizar os resultados de determinadas accións e apoiar un ou outro modelo de xestión.

PUBLICIDADE