A UVigo celebrou o Día Internacional da Muller rachando cos estereotipos de xénero

mércores, 16 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

A Universidade de Vigo celebrou este venres 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino, na cidade de Ourense, e o programa de obradoiros Elas fan Cientec, no Campus de Vigo. O obxectivo destas actividades foi dar visibilidade ao traballo que levan a cabo as tecnólogas e científicas e fomentar a vocación entre as nenas e adolescentes. Tamén se levan celebrando ao longo de todo o mes iniciativas en centros educativos de todo Galicia sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía.
Búscase reverter a tendencia do baixo número de mulleres matriculadas nas carreiras de Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñería e Matemáticas, que de media contan con menos do 20% de alumnado feminino.
Nos obradoiros deste ano de Elas fan Cientec, organizados por docentes e investigadores, participaron alumnas de 3º e 4º da ESO, tanto de Vigo cidade como da súa contorna. Máis de 50 alumnas do IES de Valadares participaron en actividades tales como, un obradoiro de termografía infravermella e un taller sobre deseño 3D empregado na cirurxía veterinaria. Á Escola de Enxeñería de Telecomunicacións asistiron alumnas do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, que participaron en obradoiros sobre Lego Robotics e programación con Scratch, entre outros. A Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía recibiu ás rapazas do IES do Castro, e o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, recibiu a 50 alumnas do IES de Tambo de Marín. Estas dividíronse en grupos para ir pasando polos diferentes laboratorios e practicar diferentes experimentos. Fixeron tanto preparados de nanopartículas de ouro no Laboratorio FanNanoBio, como practicaron coa síntese de nanopartículas e coa comprobación das propiedades ópticas no Laboratorio de TeamNanoTech.
Ciencia nas rúas de Ourense
Arredor dun cento de investigadoras, profesoras e mesmo alumnas da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense participaron este venres na feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. V Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Foi o primeiro ano que esta iniciativa saíu das instalacións universitarias e se trasladou á rúa do Paseo, no centro da cidade de Ourense.
As coordinadoras do proxecto, Julia Carballo, Alma Gómez e Nieves Lorenzo, comentaron que a acollida foi inmellorable e que é importante seguir destacando o papel da muller na ciencia. Tamén se uniu a estas consideracións Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, que felicitou ás coordinadoras por sacar a ciencia á rúa e fomentar a vocación científica entre as rapazas.
Nos dez postos atendidos por mulleres da comunidade universitaria, o públicou asistente a eXXperimenta en Feminino puido participar e ver dende certos microorganismos que se atopan na auga, ata coñecer a cantidade de aire nos pulmóns.

PUBLICIDADE