A UVigo, entre as 15 universidades estatais de meirande pegada en liña

luns, 4 de marzo do 2013 Redacción

A Universidade de Vigo deu a coñecer os días pasados que vén de introducirse nos postos máis altos da listaxe de institucións educativas superiores estatais que contan con meirande presenza nos medios dixitais. Esta listaxe forma parte, á súa vez, dunha clasificación-estudo que avalía a pegada en liña de universidades de todo mundo, un total de 500. Deste xeito, na edición número 12 do Ranking Web de Universidades e Repositorios (Ranking Webometrics) elaborado polo Laboratorio de Cibermetría do CSIC, a institución viguesa sitúase xa entre as 15 primeiras. A nivel internacional, atópase no posto 141. A de Santiago, pola súa parte, sitúase no posto 17 español e no 157 no eido mundial. A da Coruña ocupa arestora o posto 27 no ámbito estatal.
Lembrar que dende 2004 o Ranking Webometrics mide dúas veces ao ano (xaneiro e xullo) o volume, a visibilidade e o impacto das páxinas web publicadas por máis de 21.250 centros de ensino superior de todo o mundo, cun especial énfase na produción científica e no impacto que esta ten a través do número de enlaces recibidos. “A diferenza doutros rankings baseados en datos bibliométricos”, informa a Uvigo, “Webometrics mide outras misións tales como a ensinanza ou a chamada terceira misión, tendo en conta non só o impacto científico das actividades da universidade, senón tamén a importancia económica da transferencia de tecnoloxía á industria ou o compromiso da institución co espallamento do coñecemento”.

Para facer esta clasificación ademais de medir o número de páxinas web de acordo co buscador Google e a visibilidade, o Laboratorio de Cibermetría do CSIC ten en conta os ficheiros ricos e o scholar, o número de artigos recollidos en Google Scholar durante os últimos cinco anos. O obxectivo orixinal é apoiar as iniciativas de acceso aberto e promover o acceso global ao coñecemento académico promovido polas universidades de todo o mundo.

PUBLICIDADE