A UVigo recoñecerá os 45 mellores expedientes de novo ingreso con outros tantos tablet PC

martes, 30 de xullo do 2013 Redacción

Os mellores expedientes de novo ingreso en en titulacións de grao na Universidade de Vigo, un total de 45, terán ao alcance da man un fornecemento tecnolóxico de primeira. Máis polo miúdo, trátase dunha axuda para financiar a compra dun tablet PC como recurso complementario para o estudo. A Universidade informa xa que abriu o prazo de presentación de solicitudes para participar nesta achega, unha nova edición dos Premios á Excelencia Académica, que se dirixen, como dixemos, a recoñecer o traballo feito polo alumnado nos estudos previos de ensino secundario. Os interesados en solicitar estas axudas terán de prazo para facelo ata o vindeiro 15 de novembro, podendo informarse vía web dos diferentes detalles da convocatoria, incluídos forma, prazo e procedemento de concesión das axudas.
Para presentarse á convocatoria é preciso matricularse por primeira vez no curso académico 2013/2014 en calquera das titulacións oficiais de grao impartidas nos centros propios da Universidade de Vigo e ter finalizado os estudos de bacharelato ou ciclo formativo de grao superior no curso 2012/2013. Así, poderán optar ao a este certame todos aqueles que obtivesen un premio de extraordinario de bacharelato da Xunta de Galicia no curso 2012-2013 e os que se clasificaran no 1º, 2º ou 3º posto de calquera das fases autonómica, nacional ou internacional dalgunha das Olimpíadas Científicas celebradas ao longo do curso 2012/2013, sempre que estean recoñecidas polo Ministerio de Educación e Ciencia ou polas consellerías das comunidades autónomas que teñan competencias en educación, ou ben participe na súa organización algunha universidade. Tamén poden participar todos aqueles estudantes de novo ingreso que, sen estar nun dos dous apartados anteriores, acrediten unha puntuación igual ou superior a 8,5 puntos na valoración do expediente académico no bacharelato ou a 9 puntos se se trata dun ciclo formativo superior de formación profesional.

PUBLICIDADE