A Universidade de Santiago xa pode operar con drons

luns, 7 de decembro do 2015

Ramón Alberte Díaz Varela, director de operacións de RPAS da USC

A Universidade de Santiago comunicou hoxe que xa está autorizada para traballar con drons. O permiso para operar con vehículos aéreos non tripulados vén da man da Axencia Espacial de Seguridade Aérea (AESA), que é o organismo público responsábel de regular o uso de deste tipo de aparellos cun peso máximo de 150 quilos. A orixe da autorización expedida á USC está no desenvolvemento dun proxecto para o seguimento e conservación de hábitats naturais impulsado polo profesor do Departamento de Botánica da USC (Campus de Lugo) Ramón Alberto Díaz Varela. Para dar forma definitiva a este proxecto era preciso e imprescindíbel contar co dito permiso.
Segundo fai saber a institución compostelá, “o recoñecemento legal da USC como operadora de drons é un importante fito para a entidade académica, dado o grande interese deste tipo de tecnoloxía no eido da docencia, así como en moi diversas futuras liñas de investigación”.
Máis en detalle, a acreditación outorgada pola AESA faculta á institución académica compostelá para o emprego de aeronaves non tripuladas e pilotadas por control remoto para a realización de tarefas de investigación e desenvolvemento, así como para facer fotografías, filmacións e levantamentos aéreos, Segundo engaden fontes da USC, “accións de investigación e reconoñecemento instrumental, tales como calibración de equipos, exploración meteorolóxica, marítima, xeolóxica, petrolífera ou arqueolóxica, enlace e transmisións, emisoras, receptor, repetidor de radio ou televisión, son outras das operacións con drons para as que está autorizada xa a USC”. Tamén se dá azos con este permiso para traballos de inspección videográfica e fotográfica. Con todo, o abano de actuacións, segundo sinala Ramón Alberto Díaz Varela, “podería ampliarse no futuro, tanto en función da aparición de novas necesidades ou ben debido á incorporación de novos grupos de investigación a este tipo de pescudas nas que resulta de utilidade o emprego de aeronaves non tripuladas por control remoto”.

PUBLICIDADE