A Universidade de Vigo converterá o MTI no seu primeiro edificio con xemelgo dixital

martes, 3 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

O MTI, sede de Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, converterase antes de finais de ano no primeiro edificio da Universidade de Vigo cun xemelgo dixital. Ou sexa, que terá unha réplica virtual creada a imaxe e semellanza do propio edificio. Este feito, un feito pioneiro e histórico para a Universidade de Vigo, porá en xogo unha serie de posibilidades de xestión, facilitando calquera proceso relacionado coa monitoraxe dos seus elementos.
Segundo informa a UVigo, contar cun xemelgo dixital “facilitará o control en tempo real da calidade do aire do interior das instalacións, incluíndo parámetros como os niveis de dióxido de carbono, temperatura, humidade ou gas radon, factores clave para garantir as cuestións relacionadas coa saúde e a eficiencia enerxética destas instalacións”.
A creación da réplica virtual do MTI foi a proposta gañadora do Desafío Cintecx 2020, un concurso de ideas e proxectos financiado polo propio centro con 25.000 euros, cantidade que se destinará de xeito íntegro ao desenvolvemento da proposta, que estará coordinada polo investigador Enrique Granada (Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas) e que se levará a cabo nos vindeiros meses.
O traballo, nun plano específico, consistirá na representación dixital de múltiples vistas do Módulo Tecnolóxico Industrial (MTI), poñendo o foco no andar -1 do edificio, onde están habilitadas unha manchea de infraestruturas empregadas polos grupos de investigación do Cintecx, co fin de facer posíbel, efectiva e doada a monitoraxe de todas as condicións ambientais do inmóbel.
A proposta involucra a dous grupos de investigación do Cintecx, o Grupo de Tecnoloxía Enerxética, GTE, e o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, Geotech, e fomenta a colaboración con outras entidades do sector privado, como son as empresas Insitu, Soltec e Norlean.
O Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas será o encargado de desenvolvemento e instalación de catro dispositivos fixos que se montarán en diferentes puntos das paredes para o seguimento ambiental. De maneira adicional, durante catro semanas habilitarase tamén un dispositivo móbil, localizado nun pequeno carriño cunha barra vertical de arredor de 180 centímetros. Está previsto combinar os dous sistemas de monitoraxe, o fixo e o móbil, para poder chegar a predicir a calidade do aire en calquera recanto do edificio.
No caso do grupo GeoTech, o labor vai consistir en xerar os modelos xeométricos dixitais que van servir de base para soportar todo o proceso de dixitalización do sistema. Botarase man dalgunhas das últimas tecnoloxías dixitais como son os sensores LiDAR (Light Detection and Ranging).
A maiores, no proxecto colabora tamén a empresa Insitu, spin-off da UVigo, que será a encargada de montar o tecido de cámaras dirixidas a controlar o movemento de persoas dentro do edificio (cantas saen, cantas entran, en que estancias hai movementos, en cales non...) e as firmas Soltec (centrada en auditorías enerxéticas), e a súa spin-off Norlean (especializada en procesos de creación de xemelgos dixitais).

PUBLICIDADE