A Universidade de Vigo convoca un concurso de relatos sobre a ciencia

luns, 7 de novembro do 2011 Raquel Noya

Este ano a ciencia tamén ten moito que contar

No marco das actividades que se levan a cabo no noso país co gallo da Semana da Ciencia, un grupo de profesores do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo vén de convocar o 4º Concurso de Relatos Ciencia que Conta, que ten como obxectivo “concienciar a toda a sociedade galega sobre a importancia que ten a ciencia no desenvolvemento económico e o benestar social”.
Din dende o DUVI que “para fomentar esa cultura científica e achegar o traballo dos investigadores e tecnólogos á cidadanía dun xeito lúdico e divertido”, o certame está aberto tanto ao alumnado de educación primaria e secundaria como para o público en xeral con interese na temática, que poderán enviar os seus traballos, individuais ou por parellas, ata o vindeiro día 10 de novembro.
Trátase dun galardón literario que ten como base a creación de relatos creativos sobre un aspecto científico puntual ou a partir da observación dalgún fenómeno ou experimento, que segundo a idade dos participantes será máis ou menos elaborado.
Por poñer algúns exemplos, o ano pasado presentáronse relatos sobre como afecta a chuvia á auga da ría, como facer dunha receita de flan un experimento, como funciona a lei da gravidade ou mesmo como funciona un GPS... e así ata 170 relatos distintos sobre procesos científicos e tecnolóxicos máis ou menos sinxelos.
As persoas interesadas en participar deberán enviar, antes do vindeiro 10 de novembro, as súas creacións literarias de non máis de 1.000 palabras a: cienciaqueconta@uvigo.es, as cales deberán ser pezas orixinais, inéditas e escritas en lingua galega.
As obras gañadoras, que se darán a coñecer a partir do 25 de novembro, recolleranse nun libro xunto cunha selección dos mellores relatos presentados no evento, e a maiores, o primeiro premio estará dotado cun ordenador ultraportátil e o segundo e terceiro cun lote de libros, xogos ou material científico, adaptado á idade.
O xurado, formado por persoas do campo da divulgación científica, o xornalismo, a literatura ou o ensino, valorará sobre todo a calidade do conto e o acerto no contido científico.

PUBLICIDADE