A Universidade de Vigo desenvolve un sistema intelixente de control do exercicio para persoas maiores

luns, 22 de xuño do 2009 Redacción

As novas tecnoloxías da información, aínda agora, son para un boa porcentaxe dos nosos maiores pouco máis que grandes descoñecidas. A clave para solucionar esta falta de sintonía está en poñerlles diante as utilidades prácticas de aquelas. De entre todas, hai unha que semella ter un carácter de definitiva: a facilidade que achegan para a posta en marcha de proxectos que sirvan para mellorar a súa calidade de vida. Así, o traballo que están a desenvolver dous grupos da Universidade de Vigo (o grupo de Tecnoloxía da Información, GTI, da EUET de Telecomunicións e o de Didáctica da Actividade Física, DE3, da Facultade de Ciencias da Educación) ten algo máis que un compoñente claro de innovación en si mesma: ten un aquel de normalización dixital para a terceira idade que é o complemento ideal para o primeiro. É o seu altofalante, e a importancia do proxecto é dupla se tempos en conta a realidade galega: un país especialmente envellecido.
Máis polo miúdo, o traballo de ámbolos dous grupos consiste en ter desenvolvido un sistema de control da actividade física das persoas maiores a través de elementos intelixentes. Segundo conta a Universidade de Vigo, para o funcionamento do sistema cómpre o uso dun acelerómetro (dispositivo para informar das condicións dun exercicio concreto) e un teléfono móbil como interface. Estes elementos permitirán entre outras cousas comunicar en tempo real datos sobre o programa de exercicios que un usuario leve a cabo baixo o control e supervisión dun profesional.
Segundo explican os responsables da iniciativa, o acelerómetro estaría inserido no móbil, sendo o teléfono en cuestión a porta de entrada ao sistema (coa vantaxe de que se trata dun trebello relativamente ben aceptado entre os maiores) e, tamén, a peza que achega converxencia. En palabras de Vicente Romo (na imaxe), director do grupo DE3, o teléfono posibilitaría un control personalizado de cómo cada usuario leva o seu programa. O adxectivo “intelixente” incluído na dita descrición do desenvolvemento vén a conto pola súa capacidade de corrixir erros e até de aprender. Así, a ferramenta bota man de certas características de funcionamento do cerebro humano para adquirir experiencia, sumala e logo empregar eses datos para avaliar de xeito máis certeiro a un usuario.
Os equipos desenvolvedores do sistema, alén dos aspectos puramente técnicos, salientan en todo intre a importancia social que achega para unha realidade que está a moi poucos metros do seu centro de traballo: Galiza é un dos países máis envellecidos do mundo, cunha taxa do 20% de maiores de 65 anos, sendo a de España do 17. A iniciativa, malia estar aínda en período de probas, ten perfectamente definido cara a onde se dirixe: cara a dar respostas aos requirimentos sociais do noso país a través de tecnoloxías postas en marcha dende aquí, máis accesibles e adaptables. Segundo conta a Universidade de Vigo, o sistema foi presentado con éxito no Congreso Internacional de Málaga e máis nas segundas Xornadas de Biomedicina da Universidade.
Por certo que os equipos traballan arestora na súa mellora e miniaturización. Con todo, xa houbo froitos que recoller: segundo conta Romo, “os sistemas máis sofisticados do mercado teñen un custe de 600 euros e nós conseguimos facer un por 20 e que funciona mellor”.

PUBLICIDADE