A Universidade de Vigo estrea laboratorio 5G

martes, 3 de marzo do 2020 Redacción

Galicia contará dende mañá mesmo cun laboratorio 5G aberto ao ecosistema dixital, un espazo de test de tecnoloxías destas comunicacións avanzadas sen fíos e sensorización para realizar probas e simulación, tanto de posibles solucións, servizos ou equipamento baseado nesta tecnoloxía avanzada sen fíos. Ese é obxectivo do convenio de colaboración asinado esta mañá en Vigo entre a directora da AMTEGA, Mar Pereira, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez.
O laboratorio 5G, situado nas dependencias na Escola de Enxeñaría Técnica de Telecomunicacións de Vigo, ofrece equipamento específico para este tipo de probas así como o asesoramento de expertos nesta tecnoloxía da Universidade de Vigo.
Esta iniciativa enmárcase nas actuacións do Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través do Plan Galicia 5G, e ao que se adheriu a Universidade de Vigo en 2019, e do que tamén forman parte os operadores Telefónica, Vodafone e R e co que tamén colabora o Observatorio Nacional do 5G.
Con este convenio a universidade olívica e a Xunta danlle continuidade á colaboración iniciada coa posta en marcha do Curso de Especialista Universitario en 5G que celebrou a súa primeira edición en 2019.
O Nodo de Cooperación 5G concibiuse un punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5 G de Galicia.
É unha das medidas do Plan5G Galicia para situar á Comunidade como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas en 5G e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para desenvolver posibles casos de uso localícese na Comunidade.
Este posicionamento de Galicia no 5G contribuíu a que na Comunidade se estean a desenvolver 17 pilotos de 5G repartidos nas sete grandes cidades en ámbitos de especial interese para a Comunidade como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo a educación e o audiovisual.

PUBLICIDADE