A Universidade de Vigo promove a reciclaxe de móbiles para salvar a selva africana

venres, 16 de xullo do 2010 Raquel Noya

Se onte abrimos a que podería ser a sección de medio ambiente desta web coa nova de que xa ascenden a 5.000 millóns as persoas aboadas a algún número de teléfono móbil no mundo (o que supón que hai que multiplicar esta cifra por cinco ou seis para contabilizar os dispositivos reais que hai espallados por toda a xeografía), hoxe completamos esta información con detalles moito máis alentadores para o medio ambiente xa que moitos destes terminais poderán ser reciclados grazas a unha iniciativa xestada dende a Universidade de Vigo.
E é que a Oficina de Medio Ambiente desta entidade académica, en colaboración con Caixa Galicia e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) veñen de presentar a campaña 1000 móbiles pola selva, promovida polo Instituto Jane Goodall, que se desenvolveu durante a pasada semana ao abeiro do festival Vigo Transforma e que continuará ao longo desta semana para acadar a cifra proposta. O obxectivo desta iniciativa é recadar 1000 móbiles para a súa reciclaxe e conseguir fondos para financiar programas de conservación da selva da República Democrática do Congo. A campaña, xa que logo, porá a disposición dos interesados tres puntos de recollida dos terminais situados no centro comercial A Laxe, El Corte Inglés e a Lonxa do Concello.
As entidades responsables da iniciativa, sabedoras de que moitos dos teléfonos móbiles en perfecto estado son substituídos sen reparo en canto aparecen terminais máis modernos, veñen de atoparlle unha nova utilidade aos mesmos e con este proxecto recadaran 1000 móbiles para a súa reciclaxe e reutilización, reducindo así a crecente demanda dos seus compoñentes para a industria electrónica.
A campaña 1000 móbiles pola selva permite reciclar as partes útiles dos teléfonos recollidos cun tratamento axeitado para aqueles compoñentes tóxicos e contaminantes, ao tempo que se recadan fondos para programas de conservación levados a cabo na República Democrática do Congo polo Instituto Jane Goodall. Ademais, a recadación tamén se destina á colaboración en campañas de educación, plantacións, proxectos de desenvolvemento sostible e o mantemento do Centro de rescate de chimpancés de Tchimpounga.

PUBLICIDADE