A Universitat de Girona logra coa axuda de Ozona un salientábel recoñecemento aos seus servizos

mércores, 2 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Inauguraición do Parque Tecnolóxico da Universitat de Girona, achegada pola Axencia Efe

A Universitat de Girona vén de conseguir un importante recoñecemento ao seu labor, o primeiro destas características que recibe unha institución, organización ou empresa do territorio estatal. Estamos a falar da certificación ISO 20000:2011, un aval que asegura a calidade dos seus servizos, cubrindo as seguintes liñas e ámbitos: housing virtual, correo e axenda, secretaría en rede e UdGMoodle (campus virtual), recursos prestados á comunidade universitaria. A cuestión adquire aínda máis relevancia, tendo en conta un dos grandes obxectivos da web Código Cero, salientar a innovación da nosa terra, se temos en conta que o devandito logro foi posíbel grazas aos servizos da empresa galega Ozona.
Segundo informa a compañía con sede na Costa de San Marcos, Santiago, o proxecto deu comezo o pasado mes de marzo e rematou en outubro coa certificación levada a cabo pola entidade británica BSI, que deu conformidade a tódolos puntos do informe de auditoría no sistema de xestión de servizos da Universitat de Girona. Grazas a este aval, a institución académica catalá non só amosa a calidade dos seus servizos, senón que os garante. Segundo informa Santi Cots, cap de Serveis a l’’Usuari da Universitat, “ a participación de Ozona foi clave no éxito do proxecto, xa que demostrou coñecemento extraordinario dos requirimentos da norma e do proceso de certificación e auditoría, ao que se engade un guía continua en todo o referente á adaptación dos procedementos e as ferramentas existentes para lograr a conformidade coa norma”.
A Universitat de Girona é unha institución pública inserida no sistema de universidades públicas catalás. A súa finalidade é procurar a excelencia na formación e a investigación e participar no progreso e desenvolvemento da sociedade, a través da creación e a crítica da ciencia, a técnica, as humanidades, as ciencias sociais e as artes.

PUBLICIDADE