A Wikipedia supera os 2 millóns de artigos en inglés

xoves, 13 de setembro do 2007 Marcus Fernández

A enciclopedia libre en inglés, a Wikipedia, rexistrou esta semana a súa entrada 2 millóns, que correspondeu a un artigo sobre o programa El Hormiguero de Cuatro, o que parece estar lonxe de ser unha coincidencia, pero que consegue así dar unha certa relevancia internacional ó programa, xa que o momento histórico da Wikipedia apareceu en distintos medios.
A Wikipedia fundouse en xaneiro de 2001, polo que acadar os 2 millóns de entradas na súa versión inglesa en tan pouco tempo é toda unha fazaña posible grazas ás contribucións de milleiros usuarios de todo o mundo. Se sumamos os contidos en distintas linguas teriamos que a Wikipedia supera os 8 millóns de artigos.
Supomos que El Hormiguero, programa de Pablo Motos, recibirá moi ben a publicidade que está a acadar grazas a protagonizar un fito histórico, aínda que tamén podemos destacar que o programa nunca permaneceu alleo á ciencia e á tecnoloxía, e vén de estrear a súa sección Conexión imposible, que permite conectar co programa a través de webcam, de xeito que os espectadores poderán participar dende o seu fogar contando historias divertidas sobre o tema máis candente da actualidade.

PUBLICIDADE