A XIII Noite da Enxeñaría en Informática celebrarase o vindeiro 29 de outubro

luns, 12 de xullo do 2021 S. P.

A nova edición da gran festa da profesión da Enxeñaría en Informática na nosa terra xirará arredor de todas as cousas que as novas tecnoloxías nos permitiron seguir facendo durante o tempo de crise sanitaria, e tamén arredor do potencial das TIC para combater a pandemia. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anunciou este luns 12 de xullo, por medio do seu presidente Fernando Suárez, que vai celebrar a súa XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o vindeiro 29 de outubro. A gala máis importante da informática en Galicia será no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago, tamén en Allariz e en Foz.
O evento, un punto de encontro entre os colexiados e colexiadas do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, contará novamente coa implicación de numerosos cargos empresariais, institucionais e políticos.
Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite é “xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiros en Informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”.
E engade: “A tecnoloxía demostrou neste ano e medio de pandemia o seu valor para soster a economía, a educación e as relacións sociais, e A Noite representa ese impulso da dixitalización en todos os sectores”.
O presidente manifesta que para que a sociedade perciba que a dixitalización é unha cuestión estratéxica, o colexio profesional decidiu celebrar A Noite de xeito presencial, sen alcanzar as cifras de convidados de edicións anteriores, poñendo o foco na entrega dos premios anuais do CPEIG como vía para “poñer o foco na importancia da tecnoloxía e o talento das persoas que están tralos desenvolvementos tecnolóxicos”.
Tamén Fernando Suárez destaca que neste 2021 “son especialmente importantes os fondos europeos NextGenerationEU que van supoñer un punto de inflexión para a transformación tecnolóxica das empresas, administracións públicas e a sociedade en xeral, xa que segundo subliña España é o país onde máis porcentaxe destes fondos se van dedicar a este proceso de dixitalización”. E explica: “Queremos que toda a sociedade e todas as empresas se sintan orgullosas do que se ten feito en Galicia nestes últimos meses e do que se pode facer, postulándose como unha referencia no ámbito dixital e da informática con iniciativas tan importantes como os títulos universitarios de Intelixencia Artificial e outros desenvolvementos a nivel internacional”.
Premios
No marco da gala entregaranse os Premios da Noite, con dez categorías nas que os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática. Os galardóns de 2020 recaeron en: Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole–, Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino; Confederación ASPACE, Premio e-Inclusión; Appentra, Premio Iniciativa Emprendedora; Localsafe, Premio Iniciativa Empresarial; proxecto Smartiago do Concello de Santiago, Premio Iniciativa da Administración; Sabela Ramos, Premio Ada Byron; o catedrático Miguel Rodríguez Rubio, Premio Traxectoria Profesional; Miguel A. Amutio, Premio Colexiado de Honra; Aida Vidal Balea, Premio Traballo Fin de Mestrado; e a Cidade das TIC, Premio Grandes Proxectos TIC.

PUBLICIDADE