A Xbox Series S custará 299 euros

martes, 8 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Aínda que Microsoft e Sony están a ser moi reticentes á hora de anunciar as datas e prezos de lanzamento das súas consolas de nova xeración, nas últimas horas unha filtración afectou seriamente ás novas Xbox, provocando que a rumoreada Xbox Series S vaia saír á venda por 299 euros como a Xbox máis cativa da historia.
Estamos ante unha proposta moi interesante, xa que tradicionalmente as consolas de nova xeración son bastante caras, e desta volta resulta evidente que Microsoft quere reter aos usuarios actuais de consolas Xbox á vez que pretende potenciar as subscricións a Xbox Game Pass, xa que estamos a falar dunha consola All-Dgital, ou sexa, sen lector de discos.
A filtración indica que a nova consola, en vez de ofrecer gráficos 4K (2.160p), limitaríase a gráficos a 1.440p a 120 imaxes por segundo (resolución máis que dabondo para unha grande base de xogadores, especialmente se non xogan en televisores de grande tamaño) con soporte de raytracing, latencia ultra-baixa, almacenamento SSD de 512 GB, soporte para a reprodución multimedia en 4K e sobreesclado 4K para xogos, ou sexa, que é unha consola que pode presentar gráficos 4K, aínda que non sexa a resolución nativa da consola.
Espérase que a Xbox Series S saia á venda en novembro, e se atendemos ao resto de filtracións, chegaría acompañada pola súa irmá maior, a Xbox Series X, que custaría 499 dólares, de aí que a consola de pequeno formato poida ter un grande impacto, xa que pode percibirse como un produto máis doméstico e moi económico, xa que tería un prezo máis propio das consolas da actual xeración.
Agora que o prezo da Xbox Series S é oficial coméntase que poderían facer oficiais todos os detalles da consola e incluso levar a que Sony desvele finalmente o prezo e a data de lanzamento da PlayStation 5.

ACTUALIZACIÓN: Horas despois de confirmar o prezo da Xbox Series S publican o vídeo promocional da nova consola no que apuntan como data de lanzamento o 10 de novembro, de xeito que a nova máquina chegaría con tempo de sobre para ter un bo posicionamento na campaña de Nadal.

Vídeo de presentación da Xbox Series S no que confirman a súa data de lanzamento

PUBLICIDADE