A Xunta activa unha ferramenta para controlar contaxios nos centros escolares: EduCOVID

luns, 21 de setembro do 2020 S. P.

Co fin de resolver dúbidas sanitarias dos centros escolares e mellorar ao máximo a comunicación ao fío da pandemia entre os seus integrantes e as administracións sanitarias, a Xunta vén de pór en marcha unha plataforma educativa de uso interno chamada EduCOVID. A ferramenta online está xa plenamente operativa, logo dunha sesión formativa-informativa cos centros docentes celebrada este venres, na que participaron técnicos das consellerías de Educación e de Sanidade, así como da axencia autonómica AMTEGA. Segundo fixeron saber, permitirá xerar alertas de positivos e activar protocolos sanitarios.
Tamén recordaron que a información rexistrada nesta plataforma será “accesíbel para o persoal sanitario determinado pola administración sanitaria, e estará disposición da Central de Seguimento de Contactos para que se poidan tomar as decisións que correspondan para cada caso e realizar rastrexos”.
Como funciona EduCOVID?
Cando un profesional ou alumno resulte positivo nunha proba PCR, os técnicos da Central de Seguimento de Contactos accederán a EduCOVID, onde poden buscar o centro educativo ao que pertencen e rexistrar unha solicitude dos contactos próximos dese positivo.
Os membros do equipo COVID do centro educativo, previamente rexistrados na aplicación, reciben o aviso nos seus dispositivos móbiles, visualizan ese expediente de petición de contactos do alumno ou profesor e acceden aos grupos de convivencia que suxire o sistema. A partir de aí o centro educativo seguirá as instrucións da CSC e engadirá ou eliminará contactos desas listaxes. Unha vez finalizado ese proceso, o sistema remite a información dos contactos solicitados aos técnicos da Central de Seguimento de Casos que contactan con eles e adoptan as medidas sanitarias oportunas.

PUBLICIDADE