A Xunta almacenará no CESGA os datos de preto das 30.000 análises xenómicas de pacientes que realiza ao ano

venres, 29 de xullo do 2022 S. P.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vai almacenar os datos de preto de 30.000 análises xenómicas de pacientes que o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) realiza ao ano. Isto será posíbel grazas ao novo convenio de colaboración asinado entre a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Centro de Supercomputación de Galicia, acto ao que acudiu o conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, e ao que tamén asistiu o director da Fundación, Ángel Carracedo, ademais de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e de Lois Orosa, director do CESGA. A colaboración esténdese ao longo de máis de dez anos.
No acto salientouse o importante labor levado a cabo pola Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, coa que a Xunta colabora nas liñas prioritarias da súa política sanitaria, destacando a participación activa no Plan de Saúde Mental de Galicia, coa elaboración dun estudo a través da análise farmacoxenética de pacientes a tratamento con determinados fármacos, o que contribuirá a axustar doses e evitar reaccións adversas. Contribuír ao bo desenvolvemento destas e outras accións é un dos obxectivos do acordo asinado co CESGA, que porá ao servizo da fundación un “soporte informático axeitado e un centro de cálculo de altas prestacións”.

PUBLICIDADE