A Xunta aposta por políticas para reducir a fenda de sexo no ámbito científico-tecnolóxico

martes, 24 de setembro do 2019 Redacción

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reivindicou unha maior presenza das mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos para enriquecer a actividade científica na súa intervención hoxe na mesa redonda Muller, Ciencia e Igualdade, organizada pola entidade Women in Nuclear (WiN).
López Abella instou a promover a eliminación dos desequilibrios na formación científica, tanto na investigación e na innovación como na xestión de I+D+i, así como situar a perspectiva de xénero nas actividades científicas. Por iso, aposta polas políticas de igualdade como vía para reducir as fendas de xénero en tódolos ámbitos, entre eles o científico-tecnolóxico.
Este é o reto do II Programa Galego de Muller e Ciencia, cuxo obxectivo é seguir avanzando na igualdade real no campo científico desde a concepción de que o valor das persoas, no que se refire á súa esixencia e ao seu esforzo debe ser o que determine a súa excelencia.
O VII Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes 2017-2020 tamén busca consolidar o enfoque de xénero e das mulleres na actividade académica, científica, tecnolóxica e de innovación.
Nas medidas deste plan inclúese o proxecto NIN+NIN-, Iguais que favorece o encontro con mulleres singulares líderes nos seus sectores, como é o caso da ciencia, para que o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) teña referentes femininos en ámbitos nos que non existe aínda paridade de xénero.
A secretaria xeral da Igualdade sinalou que dar a coñecer as aportacións das mulleres no ámbito científico e tecnolóxico para romper o teito de cristal contribuirá á redución da fenda no campo das ciencias e da tecnoloxía. Nesta liña, tamén ve preciso consolidar o enfoque de xénero e das mulleres na actividade académica, científica, tecnolóxica e de innovación. Galardóns como o Premio María Josefa Wonenburger Planells recoñecen a esas mulleres que se adiantaron ao seu tempo e abriron camiños a moitas outras.

PUBLICIDADE