A Xunta colabora na II Campaña de Software Legal

xoves, 8 de outubro do 2009 Redacción

A Xunta amosou hoxe o seu apoio á II Campaña de Software Legal promovida polo Ministerio de Industria, asegurándose desde o Goberno galego que continuarán a impulsar distintas iniciativas para loitar contra a piratería aumentando o uso do software legal por parte dos cidadáns e das empresas da comunidade, co obxectivo de acadar o respecto pola propiedade intelectual do mesmo e dos beneficios que supón. Entre estes cabe citar a redución de riscos legais e de negocio, un mellor soporte técnico e un mantemento adecuado (ausencia de virus, etc.). Ademais, o software legal contribúe o desenrolo da economía ao tempo que reforza o sector das tecnoloxías da información e xera empregos de alta cualificación. Así o explicou o subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións, Adrián Lence Paz, que participou na presentación da II Campaña de Software Legal impulsada polo Ministerio de Industria, Turismo y Comercio.
A presente situación do mercado de software legal ven marcada por un índice de piratería do 42% no ano 2008. Esta cifra, se ben é certo que se sitúa catro puntos por debaixo da rexistrada no anterior exercicio, mantense aínda un 7% por enriba dos datos da Unión Europea. A redución en dez puntos deste índice de piratería, de aquí ao ano 2011, suporía a creación de mais de 2.000 empregos no mercado nacional, ao tempo que incrementaría en mais de 1.400 millóns a facturación do sector tecnolóxico e en 194 millóns de euros a recadación por impostos.
Ante estes datos, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica traballa na promoción do uso de software legal mediante o impulso dunha oferta de calidade que inclúe distintas iniciativas entre as que destacan a negociación de acordos marco con provedores co obxecto de lograr unha maior eficacia no gasto público, a potenciación do uso de ferramentas de control do software instalado e a adecuada convivencia entre software libre e software propietario.

PUBLICIDADE