A Xunta e as universidades asinan acordos para inxectar 9 millóns en investigación

martes, 13 de decembro do 2022 S. P.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, asinou este martes 13 de decembro senllos acordos de colaboración cos reitores das tres universidades públicas galegas, Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo) para inxectar case 9M€ na investigación universitaria.
Por unha banda, asinouse un acordo de colaboración por importe de case 5M€ para o financiamento dos Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) para manter a súa actividade investigadora. Son uns centros que, tal e como explicou o conselleiro, “nos últimos tres anos teñen logrado uns datos verdadeiramente notábeis, cunha repercusión positiva próxima aos 80M€ en proxectos competitivos e con preto de 1.800 traballando nas súas diferentes instancias”. E engadiu: “Os logros obtidos polos centros de investigación de Galicia confirman que estes polos son a xoia da coroa dos nosos proxectos de I+D+i”.
Esta inxección beneficiará aos oito centros acreditados, isto é, na Universidade de Santiago de Compostela o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); na Universidade da Coruña o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), e na Universidade de Vigo o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTIC), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM). Os importes consignados son os seguintes:
Centros e importes
CIQUS
823.488,06 €
IGFAE
795.091,92 €
CIMUS
728.834,26 €
CITIUS
728.834,26 €
CINBIO
690.972,74 €
CITIC
519.444,44 €
CIM
377.777,78 €
AtlantTIC
302.222,22 €
A Consellería fixo saber que en liñas xerais cada un deles percibirá “unha contía similar á que viña recibindo anualmente, pero calculada para 10 meses, ata o momento en que se publique a nova convocatoria de axudas e tendo en conta a avaliación cualitativa do seu funcionamento actual”.
No período 2016-2022 estes centros percibiron arredor de 30M€ (13M€ na primeira convocatoria de acreditación destes centros e outros case 18M€ da segunda convocatoria de 2019) ao abeiro da primeira convocatoria de axudas que o Goberno galego destinou de forma específica ao seu funcionamento.
Por outra banda, subscribiuse unha nova colaboración, por 4M€, para financiar o funcionamento dos servizos e as infraestruturas científico-tecnolóxicas das universidades. Isto abrangue tanto a contratación de persoal como diversos gastos (electricidade, seguridades, mantemento...), compra de pequeno equipamento inventariábel, licenzas e renovacións de licenzas de software ou a adquisición de material funxíbel e consumibles en xeral.
A distribución realízase en función do persoal docente investigador total por universidade, o que supón 1,6M€ para a Universidade de Santiago de Compostela, 1,1M€ para a da Coruña e 1,2M€ para a de Vigo.

PUBLICIDADE