A Xunta formará a máis dun milleiro de mulleres en empregos verdes e dixitais

venres, 3 de xuño do 2022 S. P.

A Xunta vén de impulsar un novo programa para facilitar a incorporación das mulleres ao mercado de traballo: un programa que pon o foco nos ámbitos rural e urbano e que busca, en concreto, inserir laboralmente 220 profesionais. Os detalles do programa foron debullados en comisión parlamentaria pola directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, que dixo que o investimento é de 2,8 millóns de euros e que o obxectivo específico é “enriquecer a capacitación das mulleres para incrementar a participación na actividade económica da súas zonas de residencias”. Haberá accións formativas centradas no emprendemento e no asesoramento dixital e tecnolóxico, da economía social e dos sectores primarios.
A Xunta estima a participación de preto de 1.100 mulleres nesta actuación, o que suporá, en palabras de Lado, un investimento medio por muller de 2,552 euros para “formar e recuperar o talento feminino”.
O obxectivo concreto do programa, co prazo de inscrición aberto ata o próximo mes de outubro, é “mellorar a inserción laboral das mulleres desempregadas e, deste xeito, do total de participantes, un 20% polo menos, é dicir unhas 220 mulleres como mínimo, incorporaranse ao mercado de traballo ao remate da iniciativa”.
Para participar, as mulleres deberán estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e residir, preferentemente, en municipios de menos de 5.000 habitantes que presenten necesidades de cualificación ou recualificación formativa ou profesional para poder acceder a un sector laboral concreto relacionado de maneira preferente coa economía verde e dixital. De feito, un 35% das participantes no programa deberán realizar un itinerario individualizado orientado ao desenvolvemento de competencias en empregos verdes; e outro 35% en empregos dixitais.
Lado salientou, así mesmo, que esta iniciativa, que terá unha duración de 12 meses, “reverterá na sociedade desde tres piares, sobre as mulleres participantes; sobre a contorna, xa que mellorará o desenvolvemento produtivo das zonas onde se realice; e sobre a loita contra a desigualdade, xa que a iniciativa tamén busca facer fronte á fenda de xénero que, sobre todo, existe no medio rural, ao tempo que busca a permanencia das mulleres no seu territorio mellorando a súa perspectiva profesional”.
O novo programa autonómico enmárcase no Plan Emprega Muller, que conta para este ano cun orzamento de 35,8 millóns de euros, co obxectivo de facer fronte aos efectos socioeconómicos derivados da pandemia tendo en conta as particularidades do territorio galego e co fin de loitar contra a fenda de xénero.

PUBLICIDADE