A Xunta impulsará a presenza de traballadoras no sector tecnolóxico

mércores, 23 de marzo do 2022 S. P.

Ante a posibilidade de que as mulleres queden fóra dos empregos do futuro, nos que a tecnoloxía será fundamental, a Xunta avoga por colaborar coas universidades, entidades privadas e coa comunidade escolar para encamiñar ás nenas e ás mozas cara a formación TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Neste senso, o informe As mulleres e as TICs elaborado polo Consello Galego das Mulleres constata que existe unha fenda no emprego entre homes e mulleres de case 35 puntos no sector.
O informe tamén recolle que en 2020, as actividades deste ámbito empresarial xeraban máis de 24.000 postos de traballo, dos que soamente un 32,6% eran mulleres. Outro dato que causa preocupación é que un 30% da empresas TIC que operan en Galicia non contan con ningunha muller no seu cadro de persoal e só no 14% dos casos existe presenza feminina nos equipos directivos. Ademais, no informe dise que no referido á formación profesional e universitaria, contando que máis da metade das matrículas universitarias corresponderon en 2020 a mulleres, “a súa presenza en titulacións máis técnicas é baixa; como é o caso de informática, onde apenas acadan o 12%; ou nas enxeñerías, onde copan o 28% do alumnado”. A Xunta quere referendar o seu compromiso e potenciar as vocacións tecnolóxicas entre nenas e mozas, así como a empregabilidade no sector tecnolóxico. Parte dos retos pasan pola sensibilización da sociedade na diminución da fenda dixital de xénero con iniciativas específicas de divulgación e reforzo da formación tecnolóxica para a vida cotiá.
Existen avances tamén na tramitación do anteproxecto da Lei Galega de Igualdade, coa que Galicia segue a situarse na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller en todos os eidos da súa vida.

PUBLICIDADE