A Xunta introduce a eAdministración no seu Rexistro Xeral de Contratistas

mércores, 30 de abril do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de dar un paso máis na implantación da Administración Electrónica coa posta a disposición dos cidadáns e das empresas do país de novos servizos de tramitación telemática. O conselleiro deste departamento, Fernando Blanco, presentou hoxe estas incorporacións que introducen a posibilidade de cursar tódalas tramitacións de subvención das novas convocatorias da devandita Consellaría a través de Internet.
Asemade, este novo servizo amplía as funcións electrónicas do Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta (dependente de Innovación e Industria) para que as máis de 3.000 empresas inscritas pidan obter notificacións telemáticas con plena validez xurídica, recibindo estas notificacións por Internet de balde en lugar do antigo soporte en papel. Ao mesmo tempo, as empresas tamén poderán enviar ao devandito Rexistro de Contratistas os documentos requiridos anualmente para renovar a súa inscrición.
Este servizo está a disposición dos usuarios dende hoxe, de modo que aqueles cidadáns e cidadás que opten a estas axudas xa poden cursar as súas solicitudes sen desprazarse do seu domicilio.
Segundo o grao de utilización do servizo por parte das empresas, Innovación e Industria podería deixar de imprimir 5.000 notificacións cada ano, contribuíndo a unha mellor economía na xestión dos recursos públicos, obxectivo que o departamento de Fernando Blanco pretende estender ao conxunto de notificacións da Consellaría.
Innovación e Industria investiu 160.000 euros na posta en marcha destas medidas, coas que, a xuízo do seu titular, se pon a disposición das persoas e das empresas ferramentas propias da sociedade da información “que fan cada vez máis directa, sinxela e accesíbel” a relación entre a sociedade e a Administración.

PUBLICIDADE