A Xunta investirá 102 millóns de euros ata 2013 para fomentar a banda larga en Galicia

xoves, 10 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Núñez Feijoo anunciou en rolda de prensa as medidas adoptadas no Consello da Xunta

Tras o Consello da Xunta celebrado hoxe no Pazo de Raxoi, o presidente, Alberto Núñez Feijoo, anunciou que durante o último trimestre do ano elaborarán o primeiro Plan Director de Banda Larga do que disporá Galicia, o que trasladarase nun investimento de 102 millóns de euros ata 2013. O plan cuxa elaboración aprobouse hoxe definirá o mapa de infraestruturas de banda larga, así como a estratexia do seu despregamento máis axeitada para que a meirande parte dos cidadáns e empresas galegas conten cun acceso de calidade á banda larga no horizonte de 2013.
O plan de banda larga está dentro da estratexia global de telecomunicación en Galicia para o que o Goberno galego prevé pór en marcha entre 2009 e 2013 cun investimento total superior aos 260 millóns de euros, acollendo tamén o despregamento da infraestrutura de TDT, a modernización das redes de telecomunicacións da Administración galega e da rede de investigación de Galicia.

O Consello aprobou esta tarde no Pazo de Raxoi a elaboración dun Plan Director de Banda Larga

O obxectivo principal do plan director é a loita contra a fenda dixital, achegando a banda larga a toda a nosa comunidade cunha calidade de servizo e custos axeitados. Esta medidas chegan nun momento no que, segundo os últimos informes, Galicia continúa entre as comunidades menos desenvolvidas no acceso aos servizos de telecomunicacións e, polo tanto, no progreso da Sociedade da Información. Tamén serve para dar cumprimento a o mandato comunitario europeo de crear programas específicos orientados ao desenvolvemento das TIC no eido rural.
Dende a Xunta tamén destacan que a fenda tecnolóxica que separa a Galicia do conxunto do Estado e da Unión Europea medrou nos últimos tres anos, á vez que tamén medra a división entre o rural e o urbano no tocante ao acceso ás TIC, de aí que sexa preciso tomar medidas ao respecto.

PUBLICIDADE