A Xunta móstralle ao sector TIC as necesidades tecnolóxicas da sanidade galega

mércores, 15 de xuño do 2011 Raquel Noya

Se ben é certo que as novas tecnoloxías poden facer moito (e de feito fan) por mellorar a calidade de vida de tódalas persoas, en especial das persoas que sofren algunha doenza ou dependen de coidadores, tamén é certo que os dispositivos electrónicos deben de usarse con xeito, é dicir, aplicando cada tecnoloxía ás necesidades de cada doente e tendo en conta as especificidades de cada problema.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellaría de Sanidade, para atallar o labor de dar coas necesidades do ámbito sanitario galego, veñen de presentar aos representantes dos axentes TIC da nosa Comunidade, un documento cos requisitos técnicos e funcionais do Fogar Asistencial Dixital, para que o sector oriente os seus proxectos en base ás necesidades reais e non “ás apalpadas”.
O Fogar Asistencial Dixital é unha aposta da Xunta de Galicia, enmarcada na Axenda Dixital 2014.gal, que ten como obxectivo prestar servizos públicos no domicilio dos galegos e galegas con necesidades sanitarias, e que ofrece prestacións específicas baseadas nas TIC.
En concreto, o documento sobre o Fogar Dixital Asistencial, dispoñible na web IMit, expón os servizos seleccionados inicialmente pola Consellería de Sanidade para a súa prestación no fogar do paciente, orientados principalmente a pacientes que sofren patoloxías crónicas.
Para facer realidade a chegada de servizos asistenciais ao fogar do cidadán, segundo afirmou a secretaria xeral, Mar Pereira, “será necesaria a implantación dunha plataforma tecnolóxica que permita interactuar coas aplicacións de Sanidade e ao mesmo tempo trasladar esta información, a través de Internet, ao fogar do paciente”.
O documento tamén recolle que no fogar, implantarase un dispositivo concentrador que permitirá visualizar a información enviada desde Sanidade en diferentes interfaces (PC, TV interactiva, dispositivos móbiles...). Ao mesmo tempo este dispositivo, ao que se conectarán elementos periféricos como básculas, pulsómetros…, recollerá os datos do paciente e achegará esta información á plataforma de Sanidade
O obxectivo final é, en palabras dos seus responsables, “unir os centros de asistencia sanitaria co domicilio dos pacientes de forma que, os profesionais sanitarios poidan realizar de forma remota e continuada o seguimento tanto do estado do paciente coma da eficiencia da terapia ou dos programas específicos de rehabilitación nos casos oportunos, pacientes (ou coidadores no seu caso) poidan seguilos dende o fogar, mantendo a súa calidade de vida e evitando desprazamentos innecesarios aos centros de saúde”.
Os representantes do sector TIC galego, atenderon ás explicacións achegadas por ambos departamentos da Xunta, coa finalidade de obter unha orientación fiable dos futuros proxectos que neste ámbito deberán levar a cabo, en liña coas necesidades reais.
Outro dos temas abordados na xuntanza foi un avance da inauguración do Centro Demostrador TIC de Galicia, o escaparate tecnolóxico da Comunidade.
Trátase dun centro, que se inaugurará o vindeiro 27 de xuño, e que servirá, entre outras cousas, para contribuír a difundir a marca Galiciacomo unha marca de solvencia de novas ideas empresariais”.
O Centro Demostrador será un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda empresarial TIC para o que contará co Mapa de Solucións Tecnolóxicas de Galicia MapaTIC.gal, un directorio en liña completo e categorizado de provedores, produtos e servizos TIC existentes en Galicia.

PUBLICIDADE