A Xunta publica a licitación do acordo para mobilizar 30 millóns en solucións avanzadas

luns, 25 de outubro do 2021 S. P.

A plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación do acordo marco para seleccionar a provedores de tecnoloxías disruptivas, aos que poderán recorrer todos os departamentos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e as entidades públicas. A convocatoria fixa os alicerces para o acordo marco de servizos de desenvolvemento de solucións dixitais e a súa implantación que impliquen “a introdución de tecnoloxías disruptivas no ámbito do sector público autonómico”. O acordo marco permitirá a contratación de servizos por un importe global estimado de 30 millóns de euros.
En concreto, posibilitará á Administración afrontar os retos identificados nos 7 eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030 e suporá o desenvolvemento do eixo transversal, que promove a especialización tecnolóxica de Galicia e o reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías como a Intelixencia Artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato ou a 5G. Este acordo marco forma parte do programa GobTech, que impulsa o uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector público. Cada un dos contratos terá un valor mínimo de 1 millón de euros e contará cunha fase de proba e demostración e outra de implantación, unha vez demostrada a súa viabilidade.
Os retos aos que deberán dar resposta os contratos amparados neste acordo marco serán identificados e concretados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e deberán axustarse a algún dos ámbitos que definen os sete eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030: Goberno e Administración Intelixentes; Sociedade Dixital e Inclusiva, Contorna Dixital para a Saúde e o Benestar Social; Territorio Intelixente, Verde e Resiliente; Conectividade Dixital do Territorio: Cultura e Turismo Intelixentes ou Economía Dixital e Sustentábel.
Poderán formar parte deste acordo marco un máximo de 10 empresas ou consorcios de empresas, que serán as que obteñan as maiores puntuacións no procedemento de adxudicación. Estas firmas presentarán as propostas para a realización dos contratos baseados, que terán unha duración máxima de tres anos sen posibilidade de prórroga.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia encargarase da xestión dos procedementos de contratación en nome de todas aquelas consellerías e entidades do sector público autonómico que participen no desenvolvemento da estratexia Galicia Dixital 2030 e no acordo marco.

PUBLICIDADE