A Xunta reitera o seu compromiso coa Administración de Xustiza

luns, 2 de xullo do 2012 Marcus Fernández

No marco da XIII edición dos Cursos de Verán de Aranjuez (organizados pola Fundación Universidade Rey Juan Carlos) o director de Xustiza, Juan José Martín, destacou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa Administración de Xustiza, nestes tempos de restricións económicas, destacando que o seu orzamento en materia de xustiza xira en torno ás infraestruturas xudiciais, a asistencia xurídica gratuíta e a modernización da Xustiza.
Martín quixo subliñar o esforzo orzamentario que a Xunta está a facer co obxectivo de mellorar e modernizar a administración de xustiza no que se refire a infraestruturas e medios técnicos, eidos nos que exerce a súa competencia. Este esforzo, segundo explicou, materializouse nun incremento das partidas para esta materia ata crecer un 7%.
Tamén lembrou que a Xunta está a desenvolver un ambicioso plan de infraestruturas xudiciais, cun investimento de case 100 millón de euros que permitirán solucionar as necesidades de espazo xudicial actuais e para os vindeiros quince ou vinte anos.
Así mesmo, referiuse ao Plan Senda 2014, un programa de modernización no ámbito xudicial que prevé un investimento de 34 millóns de euros e que por primeira vez ofrece unha folla de ruta para integrar as tecnoloxías da información e da comunicación no ámbito xudicial en Galicia. Destacou como exemplo que o ano pasado implantáronse 22 novos servizos de videoconferencia, que dan cobertura á Fiscalía de Galicia.

PUBLICIDADE