A Xunta renova os equipamentos informáticos da Aula CeMIT de Ames

martes, 5 de decembro do 2023 S. P.

A Xunta formalizou este luns 4 de decembro a renovación do equipamento da Aula CeMIT do Concello de Ames, foco municipal de formación e dinamización tecnolóxica entre a cidadanía. Participaron o delegado da Goberno galego na Coruña, Gonzalo Trenor, e máis o alcalde, Blas García. Grazas ao apoio da Xunta adquiríronse 15 computadores All In One, 10 tabletas, equipamento complementario e material innovador (2 impresoras 3D, 1 kit de robótica, 5 drons, 2 gafas virtuais e un kit de programación).
En dita visita á aula situada na Casa da Cultura de Bertamiráns tamén participaron concelleiros/as do grupo de goberno e dos grupos municipais do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego. O rexedor municipal solicitou a colaboración da Xunta de Galicia para dispor dunha nova Aula CeMIT na localidade do Milladoiro.
Durante a visita púidose constatar o interese que este tipo de aulas e a formación que se imparte desperta entre a cidadanía e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, recordou “que o Plan de reforma e ampliación da Rede que se está a levar a cabo facilita tanto unha formación máis adaptada ás novas demandas tecnolóxicas como unha actualización das tecnoloxías innovadoras nas aulas, con 1.300 novos dispositivos, entre impresoras 3D, kits de programación e drons”.
Como dixemos, o rexedor solicitou a colaboración do Executivo autonómico para dispor dunha nova Aula CeMIT en Milladoiro, unha solicitude que, segundo dixo, “responde a unha petición reiterada dos veciños e veciñas da localidade e arredores, que reclaman que se ofreza no seu núcleo unha oferta semellante á de Bertamiráns, que xa conta cunha Aula CeMIT”. García explicou que “Ames é un dos concellos con maior porcentaxe de poboación nova e onde maiores índices de medre poboacional se rexistra, cousas que fan necesario un servizo co que outros municipios con menor densidade de poboación xa contan”.
Así mesmo, Gonzalo Trenor subliñou que no primeiro trimestre de 2024 completarase a renovación de todo o equipamento, coa substitución de máis de 1.300 computadores, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.
Con 94 aulas distribuídas por toda a Comunidade, máis de 113.000 usuarios rexistrados e 500.000 horas de formación planificadas desde a súa posta en marcha en 2011, o delegado da Xunta fixo fincapé no labor da Rede CeMIT e a súa contribución a que Galicia crecese naqueles indicadores de dixitalización nos que tiña os niveis máis baixos, como o uso da internet nas franxas de idades máis elevadas.
Así, segundo os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información e da Modernización de Galicia, só entre 2021 e 2022, preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de Internet. Un dato que se reflicte tamén nos máis de 5.400 fogares con residentes maiores de 74 anos, que contrataron Internet no último ano, salientou Trenor.

PUBLICIDADE