A Xunta sitúase a prol do diálogo perante a continuidade de Mancomún

mércores, 29 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Os apoios recentes dunha boa parte da comunidade internauta galega cara á supervivencia do Centro Mancomún (coordinador dos traballos de programación aberta que se están a desenvolver no país) semellan ter dado os seus froitos. Segundo está a informar a CiberIrmandade da Fala, unha das plataformas que máis esforzos despregou en convocar aos devanditos apoios (apoios que alén da ideoloxía política coinciden na necesidade de potenciar o software libre galego e en salientar o traballo de Mancomún), a nova Xunta comprometeuse a establecer de maneira inminente unha xuntanza para avaliar polo miúdo o futuro do devandito centro de referencia.
Deste xeito, engade a plataforma, xa houbo quen acusou recibo dunha reunión a celebrar o vindeiro xoves día 30 en Santiago, xuntanza á que están convidadas entidades como AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) ou as Oficinas de Software Libre das Universidades.
Para a CiberIrmandade, trátase dun paso importante cara á continuidade de Mancomún, Centro que se viu respaldado os días pasados cunha campaña masiva de e-mails dirixida aos departamentos da Xunta con competencia na cuestión, entradas en blogs e webs de todo tipo, reaccións en redes sociais e medios de comunicación, reunións con dirixentes políticos ou correos postais remitidos polos grupos galegos de usuarios de software libre. Segundo indica a plataforma, o obxectivo de relembrarlle ás institucións o papel e o prestixio que xoga Mancomún como lanzadeira de software libre na nosa terra e a nivel internacional é un obxectivo plenamente acadado.

PUBLICIDADE