A aplicación galega Envita Plan transforma o coidado dos maiores con atención personalizada

venres, 20 de agosto do 2021 S. P.

A empresa pontevedresa Envita, centrada en dar unha viraxe radical na atención aos nosos maiores (ofrecéndolles proximidade, empoderamento e atención persoal á par que tecnoloxía, complementando a súa aposta cunha mensaxe integral en positivo sobre a vellez e as súas necesidades), desenvolveu unha aplicación móbil participativa e multidispositivo para o colectivo de profesionais dos coidados que pon ao seu alcance un amplo abano de funcionalidades.
O seu obxectivo é “fomentar un cambio no modelo de coidados pondo no centro o proxecto de vida das persoas maiores e engadindo unha nova dimensión tecnolóxica á atención personalizada”. Deste xeito, a ferramenta Envita Plan facilita a comunicación entre persoas maiores, os profesionais e as familias, ao tempo que apoia os proxectos de vida das primeiras, fomentando a súa autonomía e a toma de decisións.

Novo modelo nas organizacións

Segundo explican dende Envita, a aplicación “permite ás organizacións do sector activar un novo modelo de intervención, obtendo unha visión integral da persoa na que se valora a súa traxectoria de vida, logros, rutinas, preferencias e valores, así como as súas metas e desexos”. Ademais, “acelera e potencia a cultura dixital de todos os profesionais implicados”.
Trátase, engaden, “dunha ferramenta pensada para utilizar en calquera contorna de coidados, xa ben sexa en centros ou domicilios, que facilita a comunicación das persoas maiores, profesionais e familia de forma segura e confidencial”.

Doada de usar

Segundo explican dende Envita, fíxose un esforzo especial en subministrar, a través da aplicación, “unha visión integral da persoa dunha forma rápida e sinxela”. De aí que todos os elementos que se ofrecen na pantalla estean orientados “a profundar no coñecemento, preferencias, rede de apoios e axenda da persoa usuaria”. O resultado é “un soporte flexíbel e adaptábel, que permite acceder de forma rápida e sinxela ao verdadeiramente importante para cada usuario”.
Amais, incorpora entre as súas funcionalidades a plataforma de Envita Stories, que posibilita xerar espazos para as conversas significativas nas que se involucren tanto profesionais de referencia como familiares.

PUBLICIDADE