A aplicación miDGT poderá funcionar a xeito de permiso de condución

luns, 29 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Durante este verán a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) estreou web e imaxe da súa Sede Electrónica, na que figura toda a información dos trámites e servizos que ofrece o DGT ao cidadán (multas, carné, renovacións, matriculacións, pagamento de taxas, saldo de puntos...), e que incluso conta cun asistente virtual para guiar ao usuario, que tamén ten a posibilidade de darse de alta para ser avisado cando a DGT xera unha novidade na materia que se indicase (servizo dispoñible por correo electrónico e SMS, pero que no futuro pretende funcionar por WhatsApp ou mediante notificación push a dispositivos móbiles).
O apartado de Mi DGT permite identificar ao usuario mediante certificado dixital, DNIe, PIN ou cl@ve para poder acceder aos datos dos que dispón a DGT de cadaquén, como o enderezo, os permisos vixentes ou as multas notificadas. Este apartado tamén permite a realización de tramites.
Pero este apartado da web de Tráfico vai evolucionar dun xeito curioso no móbil, xa que vai contar en breve coa aplicación móbil miDGT que facilitará a realización de trámites e, como especial novidade permitirá que empreguemos o novo móbil a xeito de permiso de condución e documentación do vehículo en formato dixital e con plena validez. Estaríamos así ante unha das medidas máis importantes de cara á dixitalización da DGT que tería un impacto moi importante na cidadanía, ao permitir prescindir do carné de conducir físico e facilitar a realización de trámites dende o móbil.

PUBLICIDADE