A app da Liña do Galego incrementou en 2019 as cifras de participación da cidadanía

venres, 13 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou onte en Santiago o seu informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2019 (dispoñíbel en PDF), o servizo gratuíto da entidade para canalizar e recoller as queixas e as consultas da cidadanía relativas á vulneración lingüística e, tamén, os parabéns relacionados co traballo ben feito (a defensa da nosa lingua dende entidades, empresas e todo tipo de organizacións). A Mesa fixo un percorrido polo acadado a través da aplicación móbil do servizo, que é o seu principal instrumento de comunicación e mobilización. Segundo fixo saber Marcos Maceira, presidente da plataforma, tramitáronse o ano pasado 318 expedientes de queixas (15 máis que no exercicio anterior), 27 consultas e 197 parabéns (139 máis que no 2018) a través de chamadas, correos e mensaxes na aplicación móbil da Liña do Galego.
Na presentación do informe participaron Marcos Maceira, presidente da Mesa; Elsa Quintas, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos e vicepresidenta da Mesa; e María Muíño, deputada de Lingua da Deputación da Coruña.
Na rolda cos medios, nun plano máis detallado, lembraron que “as 318 queixas recibidas son unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos sinalados son sistemáticas”.
Elsa Quintas tamén salientou “que case a metade das queixas (un 45,28%) refírense á administración pública, tanto estatal como autonómica e local”. De feito, o 62% destas queixas recaen na administración autonómica, cun 27,88% referidas ao Servizo Galego de Saúde e o resto, á propia Xunta. O resto destas queixas corresponden ao Estado (24%) e á administración local (14%). Dentro desta última, destacan as queixas presentadas ao Concello de Vigo, cun 5,77% das queixas totais dirixidas ás administracións públicas.
A responsábel do Observatorio de Dereitos Lingüísticos recordou que o traballo que desenvolve a Liña do Galego ten conseguido que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas, como que Alcampo habilitara o galego no acceso á rede Wi-Fi; que a empresa concesionaria da Xunta de Galiza Scolarest galeguizara os menús escolares; que a páxina web da Fundación Catedral de Santiago estea tamén dispoñíbel en galego; que o Concello de Vivero inclúa nas notificacións do servizo da ORA; que Ikea incorporase o galego á súa páxina web; ou que o Concello de Ribeira deixe de usar o topónimo deturpado Ribeira con “v” e pase a usar a forma oficial e legal, Ribeira.

PUBLICIDADE