A artesanía galega incluirá etiquetas intelixentes con código QR

luns, 8 de abril do 2019 Redacción

Impulsar a nosa artesanía a través das novas tecnoloxías, ao tempo que se fai marca no mundo e lucimos talento e creatividade. Este é o gran obxectivo da iniciativa presentada hoxe pola Xunta e a Asociación Galega de Artesáns (AGA): un convenio de colaboración entre AGA e a Dirección Xeral de Comercio e Consumo que se dirixe a fortalecer o distintivo Artesanía de Galicia mediante a incorporación de novas etiquetas intelixentes nos produtos artesáns.
Na presentación da iniciativa participaron a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o presidente da AGA, Manuel González, que lembraron que o sector dá traballo hoxe a máis de 5.000 persoas, vencelladas tanto a obradoiros como a tendas físicas e tendas en liña.
Segundo fixeron saber, co acordo presentado hoxe, a asociación encargarase da edición, almacenamento e distribución do material de empaquetado e etiquetaxe no que se utilice o distintivo Artesanía de Galicia, incluíndo a xestión personalizada das devanditas etiquetas intelixentes coas que contarán os produtos artesáns galegos. Estas levarán incorporado un sistema de código QR con información dixital sobre a persoa artesá e o produto, o proceso de elaboración, e os materiais.
A alianza tamén reforza a presenza de Artesanía de Galicia na comercialización dos produtos artesáns, actualizando o manual de uso da marca, que inclúe o novo deseño das etiquetas intelixentes. Establécense ademais novos deseños de packaging e introdúcense elementos de identificación e sinaléctica para feiras e outros eventos artesanais, así como a regulación dos elementos de sinalización dixital.

PUBLICIDADE