A axenda das Letras Galegas 2023 estará cen por cen dispoñíbel no Portal da Lingua

venres, 24 de febreiro do 2023 S. P.

A Xunta presentou este venres 24 de febreiro a programa autonómica das Letras Galegas 2023, que chegan á súa 60 edición homenaxeando a figura do tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego. O programa inclúe máis dun centenar de accións arredor do homenaxeado. Todo o relacionado coa axenda estará dispoñíbel no Portal da Lingua Galega (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e na web de Cultura de Galicia.
Na presentación participou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen explicou que a elección de Fernández del Riego por parte da Real Academia Galega “é un acto de xustiza”, pois foi precisamente Del Riego quen, xunto con Gómez Román e Ferro Couselo, “impulsou a iniciativa para establecer unha xornada que permitise atesourar e recoñecer a todos e a todas os que contribuíron a enriquecer a nosa lingua e a ampliar o noso horizonte intelectual”.
O programa de actividades, que inclúe máis dun centenar de propostas de ámbito literario, deportivo, musical, escénico, académico e escolar, está impulsado pola Xunta, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega e a CRTVG en colaboración co Concello de Lourenzá e coa Mesa Coordinadora D. Paco, así como coa de numerosas editoriais galegas (Xerais, Bolanda, Ir indo e Galaxia), e entidades e empresas de diversos sectores como Renfe Viajeros, Gadis, Vegalsa-Eroski, Feiraco e Xurdir, entre outras.
As accións, dirixidas a renderlle tributo, dar a coñecer e poñer en valor a vida e obra do homenaxeado, desenvolveranse ao longo de todo o ano, con especial atención ao propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Na rolda de prensa tamén participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director de Proxección Social da Corporación Radio e Televisión de Galicia, Xaime Arias, e a alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mesa Coordinadora D. Paco, Rocío López.
Programación transversal e aberta
Segundo explicou o concelleiro, a programación das Letras Galegas será transversal e “inclúe unha batería de iniciativas centradas nas distintas facetas que desenvolveu Férnandez del Riego”. Así, contempla proxectos expositivos como a mostra itinerante Cos ollos do espírito, promovida pola Xunta coa colaboración de Editorial Galaxia e da Fundación Penzol, das que o homenaxeado foi director. A esta exposición súmanse outras como as gañadoras do Concurso-exposición Letras Galegas 2023, que tamén poderán verse a través do Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), ou as mostras que acollerán os centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
O conselleiro tamén salientou que a celebración das Letras será novamente participativa. Así, “impulsaranse accións que buscan a implicación de toda a sociedade como lecturas públicas, o concurso de mensaxes de amor en galego Lingua de Namorar ou a tradicional Carreira Camiño das Letras”, engadiu Román Rodríguez.
Ademais, os centros da Xunta albergarán actividades como a obra de teatro A viaxe feliz de Ramón Sanfiz, da compañía Fantoches Baj; contacontos como Un día para as Letras: Pequena biografía ilustrada de Francisco Fernández del Riego, a cargo de Polo Correo do Vento; actuacións musicais, como a 41º edición do festival Festiletras, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal; obradoiros na Cidade da Cultura e nas bibliotecas públicas ou especiais na CRTVG que, entre outras accións, emitirá os programas de radio Galicia por diante e Diario cultural desde a vila de Lourenzá o vindeiro 17 de maio.
No eido das publicacións, cabe destacar a colaboración da Xunta con editoriais como Galaxia ou Xerais, entre outras, na reedición de títulos do autor de Lourenzá ou na publicación de volumes que analizan a súa vida e obra, así como na súa adaptación para os máis pequenos dentro da colección Letras Galegas dos Bolechas.
Actividade no ámbito educativo e académico
“Desde o punto de vista educativo, os centros de ensino galegos elaboran recursos e organizan actividades como calendarios, crebacabezas, festivais ou brincaletras”, subliñou o representante de Cultura. Ademais, durante todo o curso manterase o traballo dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino, cuxos recursos máis destacados arredor das Letras Galegas poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.
Tamén dentro do ámbito escolar, existen “iniciativas vencelladas á creación audiovisual como os certames de podcast ou a lectura pública compartida entre distintos centros”, engadiu.
No eido académico, manteranse citas habituais como o simposio organizado pola RAG coa colaboración da Xunta, centrado na personalidade e na obra do autor, así como a publicación do volume anual dedicado ao homenaxeado dentro da colección Cadernos Ramón Piñeiro.

PUBLICIDADE