A banda larga en España é un 20 por cento máis cara ca na UE

xoves, 22 de novembro do 2007 Raquel Noya

Non soamente a nós, como usuarios de Internet, nos alporizan os altos prezos que pagamos polo emprego da banda larga en España, que en comparación con outros países europeos é unha estafa, senón tamén á propia Unión Europea, dende onde a comisaria da Competencia, Neelie Kroes, vén de cargar contra o mercado español de acceso a Internet ó asegurar que os seus prezos son un 20 por cento máis caros cós da media comunitaria.
Kroes participou nunhas xornadas da escola de negocio IESE, celebradas en Barcelona e nelas admitiu que Telefónica “ten dereito” a recorrer a multa de máis de 151 millóns de euros imposta por Bruxelas polo seu conflito con Wanadoo, aínda que salientou que o seu deber como comisaria consiste en “defender os 500 millóns dos consumidores europeos” e asegurar que en tódolos países membros da UE existan “prezos xustos, non polo proteccionismo, senón pola competencia”.
Telefónica deféndese destas acusacións argumentando que os prezos que ofrece en concepto de ofertas empaquetadas “non só están na media senón que son incluso máis axustados que na maioría dos países” e que as tarifas por“conectividade en solitario” non son abondo representativas para cargar contra a empresa de telefonía española.
Dende a Asociación de Internautas aseguran que “unha grande parte dos problemas do elevado prezo da banda larga en España débese á escasa competencia do mercado” e para evitalo, a devandita asociación reclama “medidas que fomenten os investimentos no bucle local”.

PUBLICIDADE