A banda larga por FTTH mantén o seu ritmo de crecemento e os OMV perden pulo

xoves, 17 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Os OMV rexistran en xaneiro unha caída neta mensual de 31.340 liñas

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de publicar os datos do sector das telecomunicacións correspondentes ao mes de xaneiro de 2016, destacando o crecemento da fibra óptica até o fogar, que medrou en 153.162 liñas, chegando até un total de preto de 3,3 millóns de liñas, mentres que o xDSL cae en 131.038 liñas. En total teriamos 13.220.079 liñas de banda larga fixa (o que supón 28,5 liñas por cada 100 habitantes) concentradas principalmente nos tres principais operadores (Movistar, Orange e Vodafone) que actualmente acaparan o 95,03% deste mercado e, aínda que Movistar aínda ten un forte 43,89% da torta.
Cómpre salientar que Movistar é a única das grandes que rexistra unha perda neta de liñas, como acontece no móbil, sector que mantense alcista, pero que no caso de Movistar continúa en caída, sendo a empresa que alimenta o crecemento do resto de operadores, aínda que desta volva mantense unha nova tendencia que pode resultar preocupante: os operadores móbiles virtuais (OMV) perden 31.340 liñas en xaneiro. Vemos así as consecuencias da concentración de operadores, que fai que as pequenas compañías teñan cada vez máis complicado competir, especialmente ante ofertas combinadas que tamén poderían explicar o crecemento en 15.633 o número de liñas fixas (cada vez menos demandadas polo consumidor, pero incluídas habitualmente nas ofertas de banda larga fixa).

PUBLICIDADE