A biblioteca pública Ánxel Casal acollerá un obradoiro de iniciación a GIMP

mércores, 30 de xullo do 2014 Redacción

A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, en colaboración co Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, promovido pola AMTEGA e a Dirección Xeral de Voluntariado, organiza un obradoiro de Iniciación ao retoque de fotografía dixital con GIMP que terá lugar do 4 ao 8 de agosto nas Salas de Traballo en Grupo da biblioteca.
O obxectivo deste seminario, que terá 7 horas e media de duración e se desenvolverá en horario de mañá, é ofrecer aos usuarios formación no eido das novas tecnoloxías e, máis polo miúdo, capacitalos no uso do GIMP, un programa libre e gratuíto de edición de imaxes dixitais. Os participantes, a través dunha metodoloxía eminentemente práctica, aprenderán a retocar e editar imaxes, facer fotomontaxes e utilizar as ferramentas básicas proporcionadas polo GIMP.
A actividade é gratuíta e será impartida por Sairlene González, voluntaria do Programa de Voluntariado Dixital. O obradoiro vai dirixido a persoas maiores de 18 anos, socias da biblioteca e con coñecementos básicos de informática para un maior aproveitamento.
As persoas interesadas deberán inscribirse ata o 31 de xullo a través do teléfono 881 999 401 ou acudindo á biblioteca, situada na Avenida de Xoán XXIII en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE