A busca de emprego en Galicia contará co apoio dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial

martes, 9 de maio do 2023 Redacción

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta da execución do Plan de acción en materia de emprego 2023, unha programación que inclúe a modernización integral do Servizo Público de Emprego de Galicia, que xa está a acometer a Xunta cun orzamento de máis de 9 millóns de euros para este ano.
No marco desta renovación integral, Lorenzana avanzou que a nova ferramenta tecnolóxica, EMI (emprego intelixente), que sincronizará oferta e demanda en tempo real, porase en marcha este maio en tres oficinas piloto (Pontevedra, Ordes e Cambados). Probaranse, deste xeito, as primeiras funcionalidades deste sistema baseado na intelixencia artificial que permitirá ás empresas publicar as súas vacantes de forma múltiple e simultánea no Servizo de Emprego e, de xeito gratuíto, noutros portais de emprego e, así, chegar a un maior número de candidatos. O novo instrumento contará cun navegador competencial, para que os orientadores podan obter información sobre as competencias asociadas ás ocupacións; un emulador de ocupacións para buscar o emprego idóneo para cada demandante de emprego; e un recomendador de formación.
Para que EMI obteña cada vez máis información, Lorenzana apelou á colaboración do tecido produtivo e fixo un chamamento para que as diferentes entidades empresariais de Galicia se sigan adhirindo ao sistema de difusión de ofertas de traballo.

PUBLICIDADE